Ribadumia estará presente no XXII certamen internacional de bandas de música 'Vila de Aranda'

A Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia foi seleccionada para participar o vindeiro 28 de xullo neste recoñecido certame musical
A Banda de Música de Ribadumia. DS
photo_camera A Banda de Música de Ribadumia. DS

Este verán, o concello de Aranda do Douro celebrará a XXII edición do Certame Internacional de Bandas de Música ‘Vila de Aranda’, que terá lugar todos os venres dos meses de xullo e agosto. Participar neste certame, que leva máis de 20 anos reunindo a agrupacións de renome, é un recoñecemento ó esforzo e á excelencia dos músicos do panorama nacional e internacional. 

A Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia foi unha das 7 bandas seleccionadas para formar parte deste festival, en que se inscribiron bandas de música nacionais e internacionais. A súa traxectoria e os seus méritos foron valorados pola organización e foron determinados para facer a selección definitiva. 

O Certame ‘Vila de Aranda’ é un evento admirado e recoñecido en todo o país, que promove a música e o talento das agrupacións participantes. A presenza da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia non só lle outorga prestixio, senón que tamén pon de manifesto o talento que hai en Ribadumia e o interese existente no municipio pola cultura e as artes. 

Así, o vindeiro 28 de xullo, Ribadumia amosará ó resto do mundo a calidade artística do municipio xunto a outras bandas, como son a Banda de Música Sementeira de Cambre (A Coruña); Unión Musical Santa Cecilia de Canals (Valencia); Unión Musical de Torre Pacheco (Murcia); Asociación Jumillana Amigos de la Música (Murcia); Unión Musical de Valladares (Vigo) e Unión Musical Cartagonova (Murcia).

O Concello de Ribadumia trasladou os seus parabéns á Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia polo gran traballo e dedicación co que conseguiron ser unha das seleccionadas e participar nesta cita musical, xa que "a súa presenza neste evento é unha mostra do talento que temos en Ribadumia".  

A Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia é unha das dúas bandas de música existentes no municipio. Ata Aranda do Douro trasladará arredor duns 65 músicos para intentar facerse con este recoñecido galardón. Naceu no ano 1998 e ata día de hoxe participou en numerosos festivais, encontros, eventos e festas, e tamén logrou distintos premios, entre os que se encontra o primeiro premio no XII Certame Galego de Bandas de Música Populares (2018). Actualmente está dirixida por Adrián Pais Abuín. A Agrupación ten organizado para o 9 de xullo o II Festival de Bandas de Música de Ribadumia, onde estreará as obras que levarán ao Certame. Neste festival estará acompañada pola Banda de Música de Padrón e a Banda de Música de Castrelo