Gastronomía e unha exposición fotográfica xuntaranse na XX edición da Festa do Pan

O alcalde David Castro xunto coa comisión da festas e o grupo Alecrín presentaron este venres o evento que chegará o día 12 de agosto
David Castro, no centro da imaxe, xunto á comisión, panadeiros e o grupo Alecrín, na presentación desta festa do pan. E.B.
photo_camera David Castro, no centro da imaxe, xunto á comisión, panadeiros e o grupo Alecrín. E.B.

Baixo a Carballeira de Ribadumia organizouse no ano 2001 unha xuntanza de amigos que rematou converténdose na Festa do Pan. Este ano celebrarase o sábado 12 de agosto a súa XX edición e todos os seus organizadores, dende o inicio, mais o grupo Alecrín xuntáronse neste lugar para presentala. O alcalde de Ribadumia, David Castro, comentou que esta festa "é un dos eventos destacados de Ribadumia, sobre todo porque cumple vinte anos e intentaremos que poda ser de interese turístico de Galicia". Agradecendo ás persoas, algunhas alí presentes, declarou que esta xente "dalgunha maneira puxeron en valor o concello e a Ruta da Pedra e da Augatodos os muiños, recordando a época das nosas familias, dos nosos avós, dos nosos pais". Así, na Carballeira asistían todos os organizadores da festa que "teñen unha relevancia especial", recalcou o rexidor, pois "seguen con esa ilusión e bo facer, aínda que as administracións poñamos da nosa parte, ten que haber veciños e veciñas que teñan esa ilusión e poidan axudarnos", agradecía Castro deica os seus acompañantes que organizaron esta festa "xera un movemento económico moi importante na comarca e sobre todo en Ribadumia". 

Nesta vinte edición haberá unha novidade: unha exposición fotográfica na praza do Concello "imaxes que nos pasaron persoas da comisión, recortes de prensa que ao final fixeron que isto poidese levarse a cabo". O ano pasado houbo unha media de 1200 persoas "ao límite da capacidade desta Carballeira e pasarnos dese número é moi difícil, imos tratas de cumprir os obxectivos de anos anteriores e dentro das posibilidades melloralas". David Castro recalca que todos están convidados a asistir á festa e que espera que é un evento pensado para todo o público, no que haberá tamén obradoiros infantís, pero sempre seguindo a temática da festa: o pan. "Queremos que a Festa do Pan sexa moi especial", declarou Castro. 

Ademais, haberá pratos típicos a prezos populares como poden ser a venda de ovos fritos con pan a 2 euros, viño tinto do Salnés a 2,50 euros e papas de fariña milla ou chulas a 1 euro (ata esgotar existencias) e postos de polbo, pan, empanadas e sobremesas.

Programación
A festa comezará ás 17.00 horas coa recollida de sobremesas elaboradas con pan e empanadas de millo para o XX Concurso de postres caseiros e o XIII Concurso de empanadas de millo. A recollida rematará as 19.00 horas. Ás 18.30 horas será o obradoir infantil para coñecer a tradicional elaboración do pan, no que os nenos e nenas poderán participar en todas as fases de preparación deste produto básico e levar consifo a súa elaboración e un agasallo sorpresa. Unha hora despois, as 19.30 horas seguirán as actividades infantís cunha viaxe ó pasado mediante o espectáculo "Muiñada" que permitirá coñecer de onde vimos e non deixar morrer a memorias dos avós e avoas. Ás 20.00  horas chegará a cata dos concursos de sobremesas e empanadas de millo. 

Media hora despois, ás 20.30 horas haberá unha saída cara os Muíños de Batán acompañados do grupo Xironsa para unha mostra teatral a cargo do grupo Alecrín e, a continuación, unha representación da moenda do millo do país, amasado e mostra de elebaoración tradicional do pan de millo. Xa as 22.00 horas se volverá ao escenario principal, é dicir, á Carballeira para a entrega de premios, a degustación de distintas variedades de pan e a cea de confraternidade amenizada con música tradicional e animación para toda a familia con inchables. O día reematará cunha verbena que comezará as 23.30 a mans do Dúo La Mecánica e as 24.00 se poderá desfrutar dunha queimada.