Ribadumia amplía os grupos de pilates incluídos nas actividades municipais

A actividade converteuse na máis demandada das que se ofertan, pechando as súas inscricións na primeira semana de prazo ▶ O Concello continúa ofrecendo diversas actividades lúdicas e deportivas das cales o prazo aínda permanece aberto

 

Unha muller facendo pilates. PIXABAY
photo_camera Unha muller facendo pilates. PIXABAY

O pasado 17 de outubro, o Concello de Ribadumia inaugurou o prazo de inscrición nas actividades municipais que se ofrecen para todo tipo de públicos. As actividades propostas que formaron grupo mínimo deron comezo xa este mes de novembro. O número de prazas é limitado e a adxudicación estase a facer segundo orde de entrada.

A actividade máis demandada dentro das ofertadas polo municipio foi a de pilates, que desde a primeira semana comezou a pechar grupos e horarios, e abriuse lista de espera. Esta actividade impártese todos os días da semana, repartidos en 5 grupos e tres instalacións: no Centro Social de Barrantes, no ximnasio novo de Barrantes e no Centro Social de Lois.

Ante a alta demanda recibida nesta convocatoria 2022-2023, o Concello abriu un novo grupo para poder ofrecer esta actividade a algunhas das persoas que se atopan na lista de agarda. 

O novo grupo será os martes e xoves, en horario de mañá de 9:30 horas a 10:30 horas, no Centro Social de Barrantes. As persoas interesadas poderán inscribirse a través dos formularios dispoñibles no Concello ou tamén na páxina web municipal, acompañados da documentación necesaria.

O ente municipal costeou a formación específica e correspondente para que o traballador técnico que imparte pilates en Ribadumia puidera levar a cabo esta actividade. Desde entón, o número de inscricións crece cada ano de forma progresiva.