Os servizos de conciliación de Ribadumia recuperan o nivel de inscricións de antes da pandemia

A Aula de Acollida (Plan Madruga) e a Escola Educativa de Ocio e Tempo Libre contan con 115 nenos e nenas, dos cales 75 pertencen á primeira
Os cativos e cativas fan uso do servizo desde o pasado 8 de setembro. DS/ARQUIVO
photo_camera Os cativos e cativas fan uso do servizo desde o pasado 8 de setembro. DS/ARQUIVO

Os servizos de conciliación laboral e familiar do Concello de Ribadumia veñen de recuperar as súas cifras de inscricións de antes da pandemia. Así o explicaron dende o Goberno local, que valorou positivamente o interese suscitado pola Aula de Acollida (Plan Madruga) e a Escola Educativa de Ocio e Tempo Libre no municipio, que este ano conseguiron aumentar lixeiramente o número de nenos e nenas matriculados en comparación ao curso 2021-2022.

Os pequenos en idade de cursar Educación Infantil e Primaria fan uso deste servizo desde o pasado 8 de setembro, e poderán continualo ata finais do curso escolar. O Plan Madruga está operativo desde as 7.15 ata as 9.15 horas, e o horario da Escola Educativa para o Ocio e Tempo Libre alóngasé desde as 16.00 ata as 20.00 horas. En total, hai 115 nenas e nenos anotados, dos cales 75 pertencen á Aula de Acollida. 

Na Escola Educativa de Ocio e Tempo Libre, que actualmente conta con 40 nenos e nenas inscritos, o Concello de Ribadumia ten organizados  xogos e actividades para o seu tempo libre que, de xeito educativo, creativo e lúdico, contribúen ó espertar dos valores, á estimulación da curiosidade e a creatividade, o respecto na convivencia e no medio natural. Todo isto ofrece un programa de actividades variado, completo e enriquecedor. 

Dende o Concello aseguraron que, ano tras ano, ofrece estes servizos para axudar aos veciños e veciñas do municipio na conciliación laboral e familiar, como "unha ferramenta necesaria para a vida en sociedade". Ademais, esta oferta complétase todos os anos coa Escola de Verán no periodo das vacacións escolares, que contou este ano con 145 participantes, todos eles veciños e veciñas de Ribadumia.