Luz verde ao expediente para a contratación das obras de urbanización da rúa Condesa

A actuación, cun orzamento base de preto de 700.000€ dos que a Deputación achega preto de 500.000€ e o concello 200.000€, “transformará o núcleo urbano e mellorará a mobilidade e a seguridade viaria nesta vila do Salnés”
Luis López durante a rolda de prensa na que explicou o acordo. DS
photo_camera Luis López durante a rolda de prensa na que explicou o acordo. DS

A Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde ao expediente para contratar as obras de urbanización da rúa Condesa de Barrantes, en Ribadumia, nun tramo da estrada provincial EP-9506. Esta actuación, que conta cun orzamento base de preto de 700.000€ dos que a Deputación achega 500.000€ e o concello 200.000€, transformará, en palabras do presidente provincial Luis López, “o núcleo urbano e mellorará a mobilidade e a seguridade viaria nesta vila do Salnés”.

As obras acometeranse nun tramo de 300 metros do treito inicial da estrada provincial EP-9506 que une Barrantes e Vilariño, un espazo, tal e como informou o presidente, “no que conflúe moita xente ao localizarse  o colexio, o campo de fútbol e o pavillón”. Trátase, segundo asegurou Luis López, dunha “humanización completa que cambiará significativamente o aspecto e a funcionalidade desta rúa de Barrrantes”.

Mediante a actuación modificarase o trazado da rúa da Condesa e instalaranse beirarrúas máis amplas, de formigón coloreado. Tamén se crearán zonas de estacionamento para dar servizo aos autobuses escolares que acceden ás instalacións deportivas da contorna e construirán pasos de peóns sobreelevados para garantir a seguridade viaria. As obras completarase coa instalación de redes de telecomunicación e de drenaxe, así como coa execución de zonas axardinadas, mobiliario urbano e nova sinalización horizontal e vertical.