Eventos deportivos, solidarios e programación de Nadal na fin de semana de Ribadumia

O 23, 30 de decembro e 7 de xaneiro terá lugar, no Pavillón de Ribadumia, a X edición do Torneo AF7 Indoor
AF7 indoor 2023.jpg 1
photo_camera Cartaz do AF7 indoor 2023. DS

A piques de rematar o ano 2023 continúan a celebrarse eventos de todo tipo no municipio de Ribadumia, como por exemplo, esta fin de semana, na que se mesturarán os eventos deportivos coa programación de Nadal. Este sábado, o Pavillón de A Senra acollerá a X edición do Torneo Indoor AF7, organizado pola A.D. Arousa Fútbol 7 e o Concello de Ribadumia. 

Este evento está repartido en tres días e xuntaranse preto de 50 equipos de toda Galicia das categorías prebenxamín (23 de decembro), benxamín (30 de decembro) e alevín (7 de xaneiro), o que supón unha concentración de máis de 600 participantes no noso municipio. 

Na categoría prebenxamín desta fin de semana participarán equipos como o Pontevedra CF, UD Santa Mariña, Grupo Casa PAco, Xuventude de Oroso e San Martín CF, entre outros. Os partidos darán comezo ás 9:00 horas e as fases finais serán a partir das 18:55 horas cos cuartos de final. A final desta categoría esta prevista para as 21:07 horas. 

A inscrición no torneo foi gratuíta para todos os clubs, mentres que a entrada para o público será de 6€ por día completo, sendo gratuíta para todos os menores de 14 anos.

Durante estes tres días de competición, 1500 asistentes visitarán as instalacións deportivas do concello, onde se acondicionou un único campo de xogo a cuberto no Pavillón, dotado de céspede sintético exclusivamente instalado para a disputa deste evento, de dimensións 30x18 metros, cun perímetro activo de taboleiro que substitúe as liñas perimetrais de banda e fondo, para así converter o terreo de xogo nun escenario frenético en que o balón rara vez saia dos límites do mesmo. Os niveis de continuidade no xogo, ritmo, intensidade e superficie sintética fan do AF7 Indoor unha experiencia única. 

O X Torneo Indoor AF7 servirá de precedente para o Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7, que se celebrará con dúas fases: a previa, do 28 ao 31 de marzo; e a final, do 17 ao 19 de maio. 

Este sábado tamén haberá programación deportiva no Campo da Bouza pola mañá e pola tarde, a través do Torneo Nadal Solidario organizado polo Umia CF. No caso da veciñanza que prefira os eventos ligados á programación de Nadal, este sábado poderá gozar da papanoelada ciclista a partir das 17.00 horas, o Carnadal na Praza do Concello a partir das 16.00 horas ou o concerto de Nadal da Banda Municipal de Ribadumia ás 20.00 horas no Auditorio Municipal.