A Escola de Verán celebra o fin do verán cunha festa da escuma

180 nenos e nenas do municipio participaron durante o verán das actividades organizadas polo Concello
A rapazada de Ribadumia desfrutando da Festa da Escuma. DS
photo_camera A rapazada de Ribadumia desfrutando da Festa da Escuma. DS

A Escola de Verán do Concello de Ribadumia celebrou a súa festa de final de verán este mércores para poñerlle peche a este período do ano e comezar a mirar cara o mes de setembro e a ‘volta ao cole’. Nunha xornada chea de sorrisos e actividades, a rapazada gozou da Festa da Escuma e da entrega de diplomas que marcaron o peche deste enriquecedora experiencia estival.

Entre as actividades que realizaron ao longo do verán, destaca a participación en actividades en interior e ao aire libre, a asistencia á piscina, manualidades e mesmo o obradoiro de pan durante o día da Festa do Pan. Fixeron tamén un curso sobre robótica e pilotaxe de drons, así como tamén rutas ao aire libre. 

Durante estes meses estivais, pasaron pola Escola de Verán do Concello de Ribadumia 181 nenos e nenas do municipio. O horario estaba comprendido entre as 8.00 e as 15.00 horas, con opción de comedor para os nenos e nenas que así o precisasen.

O Concello de Ribadumia trasladou o seu profundo agradecemento a todas as familias do municipio por bater cifras récord de asistencia nesta edición da Escola de Verán e por utilizar un ano máis os servizos de conciliación municipais, pois a súa confianza é o motor que impulsa o compromiso municipal de seguir ofrecendo programas de calidade que beneficien á pequena veciñanza e faciliten a vida cotiá das nosas familias.