O concello de Ribadumia desenvolverá iluminación sostible grazas á Deputación

Con este proxecto, financiado con fondos europeos, producirase un aforro enerxético do 40%
Xunta de Goberno celebrada este venres. DS
photo_camera Xunta de Goberno celebrada este venres. DS

A través de fondos europeos, renovarase as instalacións de iluminación exterior sostible de dez concellos de Pontevedra, entre os que se atopa o de Ribadumia. A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de dar conta da concesión de máis dun millón de euros para desenvolver esta acción, na que se substituirán máis de 1.600 puntos de luz por novas luminarias con tecnoloxía LED de última xeración e alta eficiencia, conseguindo un aforro enerxético de arredor do 40%.

Deste xeito, como explicou o vicepresidente, Rafa Domínguez, a institución provincial obtivo estes fondos europeos do programa DUS-5000 a través do IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía), o que supón o 85% do orzamento. Tamén destacou a importancia destes proxectos polo seu investimento “e porque permiten afondar no aforro enerxético, algo tan importante nesta sociedade”.

En sete destes concellos (Cerdedo-Cotobade, Dozón, Fornelos de Montes, Pontecesures, Ribadumia, Silleda e Tomiño) reformaranse 41 cadros de mando para adaptalos á normativa actual. A Deputación instalará neles un sistema de telexestión que permitirá obter e xestionar información detallada sobre consumos, mantemento e fluxos luminosos.