Ribadumia reparte 350€ en premios ós mellores deseños de camisetas da Festa do Viño Tinto

Haberá tres premios e poderán participar as peñas participantes no encontro ▶ O prazo para presentar as candidaturas e as camisetas remata o 19 de maio de 2023 ás 13:00 horas
Cata final na Festa do Viño Tinto do Salnés 2. RAFA FARIÑA
photo_camera Cata final na Festa do Viño Tinto do Salnés. RAFA FARIÑA

O Concello de Ribadumia convoca as bases para o Concurso de Deseño Gráfico de Camisetas, que se leva a cabo todos os anos e ten como obxectivo premiar as máis orixinais cuxo deseño faga referencia á exaltación do Viño Tinto.

Nesta convocatoria poderán participar as “peñas” participantes na Festa do Viño Tinto e Exaltación de Variedades Autóctonas, e deberán estar compostas por un mínimo de cinco membros. Unha peña, ou calquera dos seus membros integrantes, non poderá presentar máis dunha camiseta. Para participar no concurso deberá presentarse, nas dependencias do concello, un exemplar da camiseta impresa.

O prazo para presentar as candidaturas e as camisetas remata o 19 de maio de 2023 ás 13:00 horas. En total, repartiranse 350€ en premios: 200€ para o primeiro, 100€ o segundo e, o terceiro, será galardoado con 50€. Unha vez finalizado o prazo de presentación de camisetas, o xurado designado avaliará os traballos presentados, que estará composto por unha persoa con experiencia no debuxo e vínculos coa Festa do Tinto, unha persoa con experiencia en fotografía e con vínculos coa Festa do Tinto e tres persoas do Persoal Técnico e Monitores Culturais do Concello de Ribadumia.

A entrega de premios farase o sábado 3 de xuño na Carballeira de Barrantes, durante os actos centrais da cata final, ás 12:30 horas.

Desde o Concello de Ribadumia animan a toda a veciñanza do municipio e arredores a participar nesta edición do concursos de camisetas. "Entre todos, exaltaremos os valores desta festa e da nosa gastronomía, tendo en conta que a celebración da 50 Edición da Festa do Viño Tinto do Salnés está a piques de chegar", apuntan dende o Consistorio.

Para coñecer máis información arredor de todas as condicións e dereitos do concurso, pódense consultar as bases publicadas na web do Concello de Ribadumia ou no taboleiro municipal.