O Concello de Ribadumia remata as obras do parque infantil do colexio de Barrantes

O goberno municipal levou a cabo esta actuación atendendo ás peticións que chegaban desde o colexio e dos pais/nais e usuarios deste recinto ▶ A través dunha subvención, instalouse unha capa de céspede artificial enriba do pavimento desta área recreativa que supuxo un custe de 11.468€

O alcalde visitou o parque unha vez rematadas as melloras. DS
photo_camera O alcalde visitou o parque unha vez rematadas as melloras. DS

O Concello de Ribadumia pechou, a principios de novembro, a área do parque infantil do colexio de Barrantes polas obras que alí se estaban acometendo. O goberno municipal levou a cabo estas actuacións a través dunha subvención que conseguiu por parte da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinada a concellos de Galicia durante o ano 2022. 

O parque está situado no colexio de Barrantes e ten libre acceso desde o exterior. O que se levou a cabo neste lugar foi a renovación do pavimento, que era de caucho continuo, grazas á instalación dunha capa de céspede artificial enriba do caucho, que resulta máis agradable ao tacto dos nenos. Isto levouse a cabo para responder as peticións que chegaron desde o colexio e tamén por parte dos pais/nais e usuarios do recinto.

Esta actuación entra dentro da subvención anteriormente mencionada, onde tamén estaban previstos acometidos no parque infantil do refuxio en Ribadumia e no parque infantil do CRA de Sisán. Esta obra supuxo un custo de 11.468€, mentres que o total da subvención que recibiu o Concello, onde se atopan estes parques infantís, é de 17.516,47€. 

Tras a finalización das obras, o parque volve estar aberto para o uso e goce de todos os nenos e nenas do municipio e arredores e, como xa ven indicado na cartelería instalada nesta área recreativa, está prohibido comer todo tipo de froitos secos con casca, así como o acceso á mesma con cans.