O Concello instalará un pump track no parque da Carballeira de Barrantes

Ademais, o Goberno local procederá á mellora da área recreativa existente nesa mesma localización substituíndo os valados do parque infantil e construíndo unha bancada
Plano do pump track de Ribadumia. CEDIDA
photo_camera Plano do pump track de Ribadumia. CEDIDA

O Concello de Ribadumia quere ampliar as áreas recreativas existentes no municipio e instalará un pump track no parque de Barrantes situado entre a Avd. Bouza Martín e a Rúa Mimosas, nun proxecto que será cofinanciado polo GDR na medida Leader do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades de 2023 e 2024.

Trátase dun circuíto de bicicletas, patinetes ou monopatíns, que se emprega para mellorar as habilidades de condución en bicicleta e o adestramento físico. Componse de curvas, ramplas e baixadas que permiten ós deportistas utilizar a forza do corpo para impulsar a bicicleta en vez de pedalear, o que permite unha maior eficiencia enerxética e unha maior velocidade. É un lugar popular para a diversión e o adestramento físico, tanto para ciclistas profesionais como afeccionados, e atópase en moitos parques e áreas recreativas. Estas instalacións son aptas para todo tipo de usuarios, desde nenos ata adultos.

A actuación acometerase no parque da Carballeira de Barrantes, na pista que está situada no lateral sueste da parcela, que ten unha lixeira pendente. Nesa mesma localización xa existe unha área de xogos, composta dun parque infantil e unha pista de fútbol.

O goberno local tamén pretende efectuar melloras no parque infantil, substituíndo o valado existente por outro novo, debido ó seu estado de deterioro, e unificando toda a área recreativa, pois actualmente esta instalación se compón de dous valados diferenciados. Amais, procederase á construción dunha bancada que percorra todo o espazo do parque para ofrecer comodidade e asento á veciñanza e ás persoas usuarias para estar preto dos nenos e nenas durante o momento do xogo.