O Concello reparte 590€ en premios ós mellores disfraces no Festival de Entroido

Haberá tres categorías (individual, parellas e grupos) e poderán participar todos os nenos e nenas de ata 16 anos ▶ O obxectivo desta iniciativa é premiar a creatividade, estética e orixinalidade de toda a rapazada do municipio

Entroido 2022. DAVID FREIRE
photo_camera Entroido 2022. DAVID FREIRE

O Concello de Ribadumia convoca as bases para o Concurso de Disfraces de Entroido, que se celebra cada ano nestas datas. Este certame celebrarase o vindeiro luns 20 de febreiro a partir das 17:30 horas, durante o Festival Infantil-Xuvenil de Entroido.

Con esta convocatoria, preténdese promover a creatividade dos nenos e nenas do municipio, premiando a orixinalidade, creatividade, o traballo artesanal, e a reciclaxe, entre outras calidades que poden ter os disfraces que se presenten. Tamén se pretende animar á participación de toda a rapazada, xa sexa do municipio ou arredores. Con todo, repartiranse 590€ en vales para gastar no comercio local de Ribadumia, que terán unha caducidade máxima de tres meses.

Este concurso divídese en tres categorías: individual, parellas e grupos. Nas dúas primeiras concederanse tres premios e, na última, dous. A repartición está feita da seguinte maneira: 

Categoría ‘Individual’
1 premio para nenos e nenas de ata 5 anos: 30€
1 premio para nenos e nenas de 6 a 9 anos: 30€
1 premio para nenos e nenas de 10 a 16 anos: 30€

Categoría ‘Parellas’
1 premio para parellas formadas por nenos de ata 5 anos: 60€
1 premio para parellas formadas por nenos de 6 a 9 anos: 60€
1 premio para parellas formadas por nenos de 10 a 16 anos: 60€

Categoría ‘Grupos’
1 premio para grupos formados de 3 a 5 nenos: 120€
1 premio para grupos formados por máis de 5 nenos: 200€

Amais, durante a celebración tamén se fará un sorteo dunha bicicleta e de máis vales de compra para empregar tamén no comercio local. Desta forma, o goberno local continúa promovendo e incentivando o consumo no noso comercio de proximidade. 

Os nenos e nenas que queiran participar nesta edición, deberán asistir ó Festival do luns de Entroido que se celebrará no Pavillón de Barrantes a partir das 17:30 horas, onde o xurado fará a súa avaliación. Ademais, durante esa xornada, a veciñanza poderá gozar de música, diversión e entretemento da man de Javi Solla.