O Concello de Ribadumia amplía e mellora un viario na Aldea da Bouza

As actuacións teñen lugar en camiños de titularidade municipal na parroquia de Besmaño para satisfacer as necesidades da veciñanza, e mellorar a seguridade viaria
O alcalde de Ribadumia visitou as obras na aldea da Bouza. DS
photo_camera O alcalde de Ribadumia visitou as obras na aldea da Bouza. DS

As parroquias do Concello de Ribadumia están sendo sometidas a continuos proxectos de melloras e acondicionamento. Besomaño é unha delas, onde o goberno local está a acometer actuacións dentro do proxecto de ampliación e mellora de camiño municipal e dotación de servizos no lugar da Aldea da Bouza. Ata o momento do comezo das obras, este viario contaba cunha anchura que dificultaba o cruzamento de dous vehículos en dirección contraria.

Trátase dun viario que proporciona acceso a varias propiedades de explotacións forestais e fincas agrícolas, e conta tamén con presenza de vivendas próximas. Esta localización é de titularidade municipal e, nela,  búscase a mellora xeral da accesibilidade mediante a ampliación da anchura da plataforma do camiño para permitir o cruzamento de vehículos e a mellora dos accesos a fincas e vivendas.

Por outra banda, con este proxecto búscase tamén unha mellora de drenaxe e recollida de augas pluviais mediante a execución de embornais e cunetas conectadas con rede soterrada en continuidade con outros xa existentes. Tamén se limparán e repararán as cunetas existentes conectándoas coas novas canalizacións.