Os nenos e nenas de Ribadumia poderán acompañar aos Reis Magos na Cabalgata

O Goberno local anima á veciñanza a inscribirse para participar no percorrido por Ribadumia que as Súas Maxestades de Oriente realizarán o vindeiro 5 de xaneiro
Acendido de luces de Nadal de Ribadumia. DS
photo_camera Acendido de luces de Nadal de Ribadumia. DS

O Concello de Ribadumia vén de abrir a inscrición para participar na viaxe polo municipio que as Súas Maxestades de Oriente realizarán o vindeiro 5 de xaneiro, e lembra que permanece aberto o prazo tamén para aqueles interesados en axudar na elaboración das carrozas.

Segundo explicaron dende o Goberno local, nestas datas de celebración "o máis importante son as caras de ilusión e ledicia dos máis pequenos por ver aos Reis, pois levan todo un ano portándose ben e agardando a súa chegada para recibir os seus agasallos en forma de recompensa". Por este motivo, da man do Concello, os nenos e nenas do municipio terán a posibilidade de percorrer o municipio cos Reis Magos a bordo das carrozas da Cabalgata.

Toda a pequena veciñanza está convidada a participar e coñecer ás Súas Maxestades durante a tarde do 5 de xaneiro, pois nelas gozarán da súa compañía e poderán vivir de preto o percorrido que realizarán os Reis Magos no municipio, así como repartir caramelos e larpeiradas a toda a veciñanza que asista a esta cita. 

O prazo para inscribirse estará aberto ata o 15 de decembro, debido ao tempo de preparación e de planificación dos traxes de cada neno ou nena, que se ten que facer con antelación. Amais, no que respecta ao proceso de inscricións para todos os colaboradores que queiran axudar na elaboración e preparación das carrozas, os interesados poderanse anotar no correo electrónico [email protected] ou chamando ás oficinas municipais (986 71 84 91) en horario de 8.00 a 15.00 horas de luns a venres. Para máis información ou inscribirse, a veciñanza poderá chamar por teléfono ás oficinas municipais no 986 71 84 91 e preguntar polo Departamento de Cultura.