Os mellores ciclistas sub-23 cítanse este sábado en Vilagarcía cunha xornada formativa

As actividades organizadas pola FGC en colaboración coa Fundación Municipal de Deportes celebraranse nas pistas de atletismo e no centro socio cultural de Fontecarmoa
Gran Premio Cidade de Pontevedra de ciclismo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Gran Premio Cidade de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Os mellores ciclistas galegos de estrada na categoría Sub-23 concéntrase en Vilagarcía este sábado 27 de xaneiro para participar nunha xornada formativa preparatoria da próxima campaña. A actividade, organizada pola Federación Galega de Ciclismo en colaboración coa Fundación Municipal de Deportes, inclúe tanto a práctica deportiva como charlas técnicas e sobre temas de interese para os corredores. As primeiras desenvolveranse nas pistas municipais de atletismo e as conferencias nas dependencias do centro sociocultural de Fontecarmoa, situado fronte ás instalacións deportivas.

A xornada a desenvolver a fin de semana previa ao inicio do calendario estatal de estrada reunirá aos 22 corredores da categoría Sub-23 masculina citados por Jacobo Ucha, técnico da FCG e seleccionador galego desta modalidade, para participar nesta completa posta a punto de cara á intensa campaña que se aveciña.

O programa comezará de mañá cun adestramento polas estradas da comarca do Salnés. Xa pola tarde, os compoñentes do pelotón de elite asistirán ás charlas técnicas. Os convidados para compartir as súas experiencias e coñecementos son o ciclista profesional Delio Fernández (APHotels and Resorts-Tavira) e o dietista-nutricionista José Antonio López Gómez, xerente de Maná Lab, centro de nutrición especializado en alto rendemento deportivo.