Emilio Cao, galardón honorífico nos Premios Martín Códax da Música 2024

Músicas ao Vivo destaca o seu papel pioneiro e renovador na música galega sendo “unha figura clave na súa apertura ao ámbito internacional”
Emilio Cao, galardón honorófico nos Premios Martín Códax da Música 2024. DS
photo_camera Emilio Cao, galardón honorófico nos Premios Martín Códax da Música 2024. DS

Renovador, viaxeiro e figura clave na apertura da música galega no ámbito internacional, Emilio Cao (Santiago de Compostela, 1953) recibirá o vindeiro 15 de maio en Pontevedra o galardón honorífico dos 11º Premios Martín Códax da Música.

Recoñecido por recuperar a arpa celta para a música galega, instrumento esquecido desde o medievo, ao que se enfrentou de maneira autodidacta, Cao é unha das grandes figuras da música do noso país desde que comezou a súa “peregrinaxe” musical nos primeiros anos setenta. Músicas ao Vivo, entidade promotora dos Premios Martín Códax da Música, quere render homenaxe a un artista pioneiro sen o que sería difícil entender o devir da música galega nas últimas décadas. 

Votacións abertas ata o día 12

Ata o 12 de maio socias e socios de Músicas ao Vivo asi como público xeral poden votar os proxectos finalistas dos Premios Martín Códax da Música 2024. O público pode votar a través dun sistema de puntos, terá que facelo nun mínimo de cinco categorías e validar a votación para que esta sexa efectiva. No reconto final de votos, cunha regra de baremación, o 50% corresponderá á votación do público e o outro 50% aos votos dos socios e socias de Músicas ao Vivo. A gala de entrega de premios da 11ª edición dos Martín Códax celébrase o 15 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra baixo a dirección de Xurxo Souto.