Galicia logra dúas claras vitorias que lle permiten soñar

A selección sub-12 bateu a Extremadura e depende de si para pasar ás semifinais do Campionato de España de Portonovo
A xogadora da selección galega de fútbol sala La Peña Noa González (3) celebra un gol de Galicia sub-14 cunha compañeira. FUTGAL
photo_camera A xogadora de La Peña Noa González (3) celebra un gol de Galicia sub-14 cunha compañeira. FUTGAL

As seleccións galegas sub-14 e sub-12 femininas de fútbol sala lograron cadansúa vitoria na segunda xornada do Campionato de España de seleccións autonómicas que se está a disputar en Portonovo e manteñen intactas as súas opcións de loitar polo título.

As sensacións son inmellorables para o combinado sub-12, que bateu con autoridade a Extremadura (5-0) para enlazar a segunda vitoria en dous duelos. Galicia depende de si na terceira xornada contra Aragón para asinar o billete para as semifinais.

O combinado de Ana Mouzo non se relaxou e desde o primeiro momento marcou territorio ante Extremadura. Ao minuto 3 de partido mandaba xa no electrónico mercede á diana lograda por Adair. As galegas controlaron e dominaron de comezo a fin ata redondear unha clara vitoria.

Pola súa parte, o equipo sub-14 goleou a Melilla e segue con remotas opcións de clasificarse para semifinais, á espera da terceira e definitiva xornada que afrontará perante Andalucía. O combinado da faixa celeste completou un partido moi serio para establecer un 0-12 que se definiu desde moi cedo, con protagonismo da xogadora de La Peña Noa.

Galicia suma 3 puntos e chega con opcións á última xornada, na que as nosas mediranse a Andalucía. Galicia está obrigada a gañar ao combinado andaluz e que Cataluña perda contra Melilla.