A Xunta recibe 17 ofertas para a mellora de bombeos en Cambados e Ribadumia por un millón de euros

O Goberno galego prevé comezar estes traballos no primeiro semestre de 2023 e rematalos nese mesmo ano
El puerto de Tragove, en Cambados. MAPS
photo_camera El puerto de Tragove, en Cambados. MAPS

A Xunta de Galicia vén de recibir 17 ofertas para executar as obras de mellora do sistema de bombeo e o colector de Cabanelas, nos concellos de Cambados e Ribadumia, que suporán un investimento de máis de 1 millón de euros. 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé comezar os traballos no 1º semestre de 2023 e rematalos tamén o vindeiro ano, xa que teñen un prazo de 6 meses.

O obxectivo desta obra é solucionar as actuais deficiencias da estación de bombeo de augas residuais de Cabanelas co fin de rematar cos frecuentes problemas de alivio e vertidos ao río Umia que acaban na ría de Arousa.

Para isto, o proxecto recolle a modificación do trazado da impulsión dese bombeo para que verta directamente á depuradora de Ribadumia, sen pasar polo bombeo de Barrantes, como fai na actualidade. Ao mesmo tempo, acometeranse reformas nesas dúas estacións de bombeo para reducir as infiltracións de augas limpas aos colectores.

Impulso ao saneamento da ría de Arousa

Esta actuación é unha das catro previstas pola Xunta para rematar este ano cun novo impulso ao saneamento da ría de Arousa ao mobilizar un orzamento global de máis de 18 millóns de euros.

No marco destes proxectos, o Goberno galego licitou as obras de mellora do saneamento municipal de Cambados, que suporán un investimento autonómico de máis de 1,7 millóns de euros.

Tamén se adxudicaron xa as obras de renovación do sistema de saneamento de Vilagarcía de Arousa, cun orzamento de preto de 10 M€. 

Ademais este outono comezará a mellora da depuradora de Tragove para duplicar a capacidade de tratamento das augas residuais de Cambados, Ribadumia e Vilanova de Arousa, cun investimento de 5,3 M€.

O Executivo autonómico tamén ten orzamento consignado e vontade de investir máis de 4 M€ na mellora do saneamento de Vilanova de Arousa, pero a Dirección Xeral da Costa e do Mar do Ministerio "ten bloqueado este proxecto imprescindible para mellorar as augas da ría e acabar co problema de vertidos", segundo aseguraron dende o ente autonómico. 

Todas estas actuacións serán cofinanciadas  con fondos europeos do programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

Cómpre lembrar que todas estas intervencións están enmarcadas no Plan de saneamento local da ría de Arousa, que está executado xa por riba do 80%, ao permitir coñecer en profundidade os sistemas de saneamento municipais e as súas necesidades e programar os proxectos precisos.