O Sergas reforza a Atención Primaria con 5 novas pediatras para o Salnés

En concreto, cubriranse prazas nos centros de saúde de Sanxenxo, San Roque en Vilagarcía de Arousa, A Illa-Ribadumia, e O Grove
Imaxe da recepción ás novas pediatras da Área Sanitaria. DS
photo_camera Recepción ás novas pediatras da Área Sanitaria celebrado este martes no Hospital Provincial de Pontevedra. DS

O Hospital Provincial de Pontevedra acolleu na mañá deste martes o acto de benvida das novas pediatras que tomaron posesión das súas prazas con destino en centros de Atención Primaria e o Hospital do Salnés, despois de que o luns fose publicada no Diario Oficial de Galicia a resolución co nomeamento como persoal estatutario fixo do Sergas e a adxudicación de destino definitivo, no proceso selectivo convocado pola Resolución do 11 de maio de 2023 por sistema de concurso de méritos.

En concreto, os novos profesionais cubrirán cinco prazas da categoría de pediatra de Atención Primaria ofertadas nos seguintes centros de saúde da área de saúde pontevedresa: dúas prazas no concello de Sanxenxo; unha no centro de saúde de San Roque, en Vilagarcía de Arousa; unha para os concellos de A Illa e Ribadumia; e, finalmente, outra praza no de O Grove.

Catro prazas de FEA para o Hospital do Salnés

No que se refire á atención pediátrica no eido hospitalario, a Área Sanitaria adxudicou catro prazas da categoría de Facultativo Especialista de Área de Pediatría e as súas áreas específicas, efectivos médicos que prestarán asistencia á poboación infantil desde o Hospital do Salnés en Vilagarcía de Arousa.

No acto de acollida, en representación da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, estiveron presentes a directora asistencial, Susana Romero; a directora do distrito do Salnés, Encarnación Lucas; a subdirectora de Atención Primaria, Dolores Pan; e o xefe do Servizo de Pediatría do Hospital do Salnés, José Moure.

A directora asistencial, a doutora Romero, amosouse “encantada de recibir” ás novas profesionais que asinaron este martes a toma de posesión, algunhas das cales xa estaban a traballar nos centros asistenciais de área sanitaria, e quixo darlles un agradacemento pola súa labor en nome da área de saúde e das nenas e nenos que teñen por pacientes.