Aprobado o proxecto de execución de dous aparcadoiros disuasorios no Salnés

Construirase un estacionamento de 59 prazas na glorieta do enlace da V.G.-4.3 coa N-640 en Vilagarcía e outro de 77 prazas entre a autovía do Salnés (AG-41) e a VG-4 en Ribadumia
 
Lugar que ocupará o aparcadoiro disuasorio de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Lugar que ocupará o aparcadoiro disuasorio de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Consello da Xunta aprobou o proxecto de trazado para a execución de dous aparcadoiros disuasorios nos concellos de Vilagarcía e Ribadumia para o fomento do vehículo compartido, asociados á implantación de zonas de baixas emisións, que suporán un investimento de máis de 1 millón de euros e disporán en conxunto dun total 136 prazas de estacionamento.

A aprobación definitiva do proxecto de trazado destas dúas actuacións implica a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios. A licitación das obras prevese realizar na primeira quincena marzo para poder comezar os traballos tras o verán. O prazo de execución é de 5 meses.

O aparcadoiro proxectado en Vilagarcía executarase nun recheo xa existente de 1.950 m2 e cunha capacidade para un total de 59 prazas, 9 delas en liña e o resto en batería. Do total de prazas, 2 estarán reservadas para vehículos adaptados á persoas con mobilidade reducida. Disporá dunha franxa perimetral interior adxacente ás prazas para os itinerarios peonís e carrís de circulación que serán de sentido único.  Tamén, polo perímetro exterior do aparcadoiro disporase unha franxa verde de 1,30 metros de ancho na que irá o arborado e o alumeado.

O estacionamento disuasorio que se situará nas proximidades do núcleo de Barrantes, en Ribadumia, distribuirase nunha superficie de 2.815 m2 sobre unha explanada adxacente á estrada provincial EP-9405 e bordeada polo rego de San Martiño, xa dedicada a aparcadoiro de vehículos. Terá unha capacidade de 77 prazas, todas en batería, con dúas prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida. 

 Do total, 26 disporanse nunha illa central que se rodeará dunha franxa perimetral para tránsito peonil de 1,80 metros e carrís de circulación que serán de 4,20 metros de ancho e de sentido único. O resto das prazas dispoñeranse nos bordos da estrada e do leito do río.  Na intervención actuarase no perímetro exterior e na illa central, para dispor unha franxa verde de 1,30 metros de ancho na que irá arborado e o alumeado.