A estabilización dun noiro na Autovía do Salnés conlevará o corte dun carril un mes

O corte afectará ao carril da calzada esquerda da autovía, no treito entre os puntos quilométricos 12+800 e 14+200, e manterase nos días laborables
Autovía do Salnés. DAVID FREIRE/ARQUIVO
photo_camera Autovía do Salnés. DAVID FREIRE/ARQUIVO

Os traballos de estabilización dun noiro na Autovía do Salnés farán necesario o corte dun carril a partir do luns, en días laborables ao longo dun prazo de aproximadamente un mes.

Este peche do tráfico afectará ao carril da calzada esquerda da autovía, no treito entre os puntos quilométricos 12+800 e 14+200, e ten como obxectivo a estabilización un noiro situado en torno ao punto quilométrico 13+000 da autovía, coa fin de reforzar a seguridade e a conservación da infraestrutura.

Esta medida lévase a cabo despois de que no marco das inspeccións que a Xunta efectúa na rede viaria de xeito periódico se detectara a necesidade de reforzar a estabilidade do citado noiro, realizando un estudo técnico e a identificación dos parámetros xeotécnicos correspondentes.

A actuación consistirá en realizar un tratamento a base de dobre capa de mallazo ou fibras sintéticas, bulóns e capa de formigón de 10 cm de grosor, colocando unha rede de drenaxe para aliviar as presións da auga sobre o formigón proxectado, de comportamento impermeable.

Por detrás da banda de formigón, a unha separación dun metro de distancia da liña de coroación do noiro, executarase unha cuneta para a canalización das augas que derive mediante unha baixante á obra de drenaxe existente na zona do paso superior. Unha vez concluidos os traballos neste tramo restablecerase a normalidade da circulación.