Pontón asegura que o BNG defenderá en Madrid a rexeneración das rías

A xuntanza que se desenvolveu na Illa de Arousa buscaba coñecer as demandas das traballadoras dun sector estratéxico en Galicia
Visita en A Illa. DS
photo_camera Visita en A Illa. DS

 A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu onte a un encontro con mariscadoras da Illa de Arousa e contou coa compañía da cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva. "Desde Madrid vese moi lonxe a costa galega e non se atenden as necesidades do noso sector do mar, fundamentais para a economía galega", indicou Pontón.

A xuntanza buscaba coñecer as demandas das traballadoras dun sector estratéxico en Galicia. Pontón quixo deixar claro o compromiso do BNG á hora de "defender a rexeneración integral das nosas rías, pero desde a forza dun grupo galego forte que nos dará a capacidade de defender o noso sector marisqueiro". Para isto, o Bloque propón un grupo de medidas concretas a defender no Congreso.

A primeira delas é o desenvolvemento dun Plan integral de rexeneración das rías galegas. A segunda das medidas versa na protección do ecosistema marítimo galego que conta cunha gran riqueza ambiental e produtiva. A terceira das medidas fundaméntase na aposta polo produto nas nosas rías e a cuarta pasa pola mellora das condicións laborais das mariscadoras.

AS ELECCIÓNS DO 23X. Ambas líderes lembraron a importancia de votar nas próximas eleccións do 23 de xullo para que se teñan en conta todas as necesidades de Galicia. "Estamos a 641 quilómetros do Congreso dos Deputados en Madrid, o lugar de onde se toman moitas decisións que afectan á vida diaria de todas as persoas que viven do mar", declarou Carme da Silva. A nacionalista subliñou que Galicia precisa ter a capacidade política de tomar decisións e decidir para que se teñan en conta todas as demandas da poboación galega e dunha das maiores riquezas que conforma o sector do marisco, e salientou a importancia de poñelo en valor e de defendelo. 

As líderes políticas lembaron como os resultados das pasadas eleccións consegurion que o BNG gañara poder de decisión. "Este 23X Galiza xógase ter máis peso político e defender os seus intereses", dixeron.

Ana Pontón, nesta liña, engadiu que "nestas eleccións no BNG saímos a por todas, sen poñernos límites e cun obxectivo moi claro: conseguir un grupo galego forte no Congreso para que se escoite a voz dos galegos e as galegas que queren contar ante o Goberno do Estado".