A Illa recibe as súas dúas Bandeiras Azuis

A concelleira de Turismo, Rosi Viana, recolleu os distintivos outorgados ás praias de Area da Secada e O Bao
Rosi Viana, concelleira de A Illa, recollendo as bandeiras azuis. DS
photo_camera Rosi Viana foi a encargada de recoller as bandeiras azuis. DS

A Xunta de Galicia vén de completar a distribución das Bandeiras Azuis 2023 na provincia de Pontevedra coa entrega, na xornada deste venres, das cinco insignias pendentes aos concellos de Poio, A Guarda e A Illa de Arousa nun acto que tivo lugar no edificio administrativo de Campolongo.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, acompañado polo xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, José Manuel González, repartiu estes distintivos para as praias de Cabeceira (Poio), Area Grande e O Muíño (A Guarda) e Area da Secada e O Bao (A Illa de Arousa) aos alcaldes Ángel Moldes e Roberto Carrero e á concelleira de Turismo da Illa, Rosi Viana.

“Houbo concellos que, por distintos motivos, non puideron asistir á entrega oficial das bandeiras azuis celebrada hai dez días en Arteixo, algo que entendemos perfectamente porque ademais foi na semana de constitución das corporacións, pero desde a Xunta queriamos entregarllas xusto agora que comezou o verán para que, desde hoxe mesmo na festividade de San Xoán, poidan lucir nos areais da nosa provincia”, detallou o representante autonómico.