Vilanova acolle o voluntariado 'Salvemos o mar 3.0'

Os participantes, que proceden de Galicia, México, Alemaña, Francia, Castela e León, Madrid, Andalucía e Cataluña, están a desenvolver actuacións para a conservación do litoral da localidade
O campo de voluntariado desenvólvese polo litoral do municipio. DS
photo_camera O campo de voluntariado desenvólvese polo litoral do municipio. DS

Un total de 14 mozas e mozos de entre 18 e 30 anos participan no campo de voluntariado Salvemos o mar 3.0: A vista de dron, que se celebra ata este venres en Vilanova de Arousa. O programa, que foi visitado este mércores pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, iniciouse o pasado día 4 de xullo, inclúe dúas semanas de actividades, con actuacións para a conservación do litoral da localidade e cunha ampla programación de lecer.

Os participantes proceden de Galicia, México, Alemaña, Francia, Castela e León, Madrid, Andalucía e Cataluña. Nesta experiencia desenvolven actividades de recuperación ambiental da costa vilanovesa, dende a praia das Sinas ata o porto do municipio, pasando por distintos enclaves naturais. Tamén teñen ocasión de levar a cabo outro tipo de actividades, como caiac ou tiro con arco; ademais de visitas a lugares como o Museo do Mar do Grove.

Cristina Pichel destacou a relevancia dos campos de voluntariado para sensibilizar aos mozos sobre distintos temas, ao tempo que desfrutan de todas as actividades programadas. Neste senso, subliñou que as rías galegas son un lugar ideal para concienciar sobre o coidado do nosa contorna natural.

Este campo de voluntariado forma parte da maior campaña de verán posta en marcha pola Xunta. Baixo o lema o verán que queres contar, o Goberno galego pon a disposición de mozos de todas as idades máis de 10.800 prazas, 475 delas en actividades coma esta.