Sogama porá en marcha unha planta de biorresiduos en Vilanova

Cun investimento de 15,1 M€, esta planta dará servizo a 26 concellos e integrará as distintas fases do proceso de compostaxe dos residuos orgánicos
Visita á nova ubicación da planta de Sogama en Vilanova. DS
photo_camera Visita á nova ubicación da planta de Sogama en Vilanova. DS

A planta de biorresiduos de Sogama en Vilanova de Arousa estará lista para a súa posta en marcha o vindeiro mes de outubro, segundo avanzou o presidente da sociedade pública, Javier Domínguez, durante a visita que realizou ás obras desta instalación xunto co alcalde da localidade, Gonzalo Durán.

A previsión é que esta instalación, localizada no polígono industrial de Baión, onde ocupa unha superficie de 20.000 m2, estea lista o próximo mes de outubro para comezar a operar e recibir a materia orgánica dos 26 concellos aos que dará servizo e que aglutinan unha poboación de 326.846 habitantes.

Cun investimento de 15,1 millóns de euros, esta planta integrará as distintas fases do proceso de compostaxe dos residuos orgánicos: desde o pretratamento e a fermentación, ata a maduración e o almacenamento, así como os correspondentes tratamentos de aire e de augas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías dispoñibles, tanto de procesado como de control de cheiros e ruído. 

Ademais, unha parte da mesma será autosuficiente desde o punto de vista enerxético ao dispoñer de paneis solares fotovoltaicos, contribuíndo desta forma á loita contra o cambio climático.

Deste xeito, terá capacidade para tratar cada ano 15.000 toneladas de materia orgánica contida nos residuos municipais (FORSU) e 7.000 toneladas de material estruturante (podas e restos de madeira), estimando unha produción anual de 6.000 toneladas anuais de compost de alta calidade que será utilizado no sector da agricultura e a xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.

Nesa liña, Javier Domínguez salientou que “agora só queda que os concellos poñan en marcha os mecanismos necesarios para implantar canto antes o quinto contedor e que comecen a entregar nesta instalación os seus residuos orgánicos, tendo en conta que o prazo estipulado pola Unión Europea expira o próximo 31 de decembro”. E engadiu que Sogama “achega xestión, loxística, os medios necesarios para que os concellos cumpran coas súas obrigacións legais así como recursos para a formación e concienciación da cidadanía”.

Cómpre lembrar que esta planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa será unha das 17 instalacións que conformarán a rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica. Deste xeito, unha vez concluídas as obras, os concellos galegos adheridos a Sogama terán acceso a unha rede composta por 4 infraestruturas para o tratamento de biorresiduos e 13 plantas de transferencia, das que 6 serán de nova construción e 7 serán remodeladas.