Inaugurada a Festa do Mexillón e do Berberecho en Vilanova

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi partícipe onte, 11 de agosto, da apertura da Festa do Mexillón e do Berberecho en Vilanova de Arousa

A apertura da Festa do Mexillón. DS
photo_camera A apertura da Festa do Mexillón. DS

A gastronomía é un dos principais atractivos turísticos de Galicia, e cada fin de semana a comunidade énchese de celebracións en honra a un produto culinario propio de cada zona. Este fin de semana é a quenda de Vilanova de Arousa, que está a vivir os festexos nos que o mexillón e o berberecho son os ingredientes principais.

Esta festa, declarada de interese turístico galego no ano 2014, comezou onte, o xoves 11 de agosto e rematará o domingo 14. A súa apertura contou coa participación da directora de Turismo da Xunta, Nava Castro. O apoio institucional a esta celebración entra dentro do traballo do Goberno galego por impulsar os recursos diferenciais de Galicia. Desde a Xunta sinalan que a súa intención é promover a conservación da tradición culinaria galega, poñela en valor e internacionalizala.

Como é tradición, xa foron anunciados os homenaxeados desta XXVIII edición da festa, e os recoñecementos serán outorgados o domingo como cada ano. Víctor Manuel Abal Barreiro, Ángeles Abalo Iglesias e José Francisco Navia Leiro foron os que recibiron a homenaxe.

Abal Barreiro leva desde o 1999 dedicándose ao sector do Turismo, facendo rutas por espazos da ruta de Valle-Inclán ao bordo do seu tren turístico. Foi tamén o creador do servizo de mochilas da Variante Espiritual do Camiño de SantiagoÁbalo Iglesias leva o mando do albergue 'A Corticela' desde o 2019, e Nava Leiro é o dono do tamén albergue 'A Salazón'. Os tres homenaxeados fixéronse cargo do Albergue Municipal da localidade.

A celebración, que comezou no ano 1994, congrega a miles de visitantes e conta cun especial apoio entre a veciñanza vilanovesa. O mexillón e o berberecho son dous produtos autóctonos e esencias para a industria da localidade, así como constitúen unha parte da historia da zona a través das súas conserveiras.