A Xunta dispón dunha proposta para o edificio do Centro de Saúde de Vilagarcía

Se formula con forma de dobre U, xerando dúas prazas abertas cara á cidade e cara aos viarios ▶ Está previsto contar na primavera co proxecto de execución para a súa supervisión
Infografía do centro de saúde de Vilagarcía na Comandancia de Marina. CEDIDA
photo_camera Infografía da proposta para o centro de saúde. CEDIDA

A Xunta de Galicia avanza na redacción do proxecto básico e de execución das obras do novo centro de saúde de Vilagarcía, nos terreos da antiga Comandancia na Avenida da Mariña, que suporá un investimento de preto de 14 millóns de euros. O contrato de redacción do proxecto e de dirección das obras, cun investimento de máis de 475.000 euros, está a centrarse na definición dunha idea global do edificio e da súa urbanización, coa súa concepción construtiva e de instalacións.

Infografía cenital do centro de saúde de Vilagarcía na Comandancia de Marina. CEDIDA
Imaxe cenital da proposta. CEDIDA

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, que mantivo unha reunión de traballo coa concelleira de Urbanismo e o arquitecto do Concello, indicou que os adxudicatarios do contrato fixeron unha proposta na que o edificio se formula con forma de dobre U xerando dúas prazas abertas cara á cidade e cara aos viarios aos que dá fronte. Estas prazas, convenientemente orientadas e resgardadas, serven de zona de espera protexida e de antesala ao centro de saúde e do PAC, respectivamente.

Menéndez explicou que a distribución e estrutura vertical interior é moi versátil, cunha disposición lineal que consegue maior aproveitamento do volume, iluminación natural controlada e ventilación adecuada na totalidade dos espazos. Tamén concretou que para crear celosías de control solar en fachadas proponse o uso de madeira recuperada de bateas, que é moi durable e promove a economía circular e local. Menéndez apuntou que a redacción do proxecto básico esta moi avanzada e se prevé contar na primavera co proxecto de execución, para a súa supervisión.

CARACTERÍSTICAS. O novo centro de saúde disporá dunha superficie construída de preto de 5.700 metros cadrados, que ampliará nun 55% a superficie do actual, o que vai permitir unha importante ampliación de espazos. O Plan funcional previsto prevé tres consultas de medicina xeral ata chegar ás 17, 4 máis de enfermaría, ata as 17 tamén; unha máis de pediatría e dúas máis de enfermería pediátrica, ata chegar a 5 de cada.

As instalacións contarán tamén con 2 consultas en lugar dunha das áreas de: farmacia, traballo social, matrona, odontoloxía, hixienista dental ou fisioterapia. Ademais, o centro terá 5 consultas de docencia onde hoxe só hai unha e incorpóranse áreas como a sala de illamento, a consulta do programa da muller, a sala pediátrica integral, as cabinas de tratamento e vestiarios do ximnasio de fisioterapia ou consultas médicas e de enfermaría para que poidan acudir especialistas do hospital.