Vilagarcía vive con intensidade a última fin de semana das Festas de San Roque

▶ Entidades vinícolas e gastronómicas de diversos puntos de España, Portugal e Francia danse cita este sábado no XVII Capítulo da Confraría do Viño Rías Baixas

▶ O domingo será o turno da Festa da Ameixa de Carril, que volve tras tres anos, e da Batalla das Flores 

Foto de archivo dunha das últimas edicións da Festa da Ameixa de Carril. DS
photo_camera Foto de archivo dunha das últimas edicións da Festa da Ameixa de Carril. DS

Vilagarcía convértese este sábado no escaparate dos viños e produtos gastronómicos máis selectos de España e dos países veciños grazas a celebración do XVII Capítulo da Confraría do Viño Rías Baixas, que reúne na cidade ás delegacións de 38 Ordes e entidades enogastronómicas procedentes de todo o territorio nacional, Portugal e Francia.

Ao terse posposto para o 2 de setembro o Combate Naval debido á previsión de chuvias, esta será a actividade principal da axenda festiva do último sábado das festas de San Roque, xornada que rematará coa verbena da orquestra Metrópolis a partir das 23 horas na avenida da Mariña.

A recepción das delegacións de confrades, prevista inicialmente no Concello, realizarase finalmente, por mor da ameaza da chuvia, ás 11.30 horas no Salón García, onde se celebrarán o resto dos actos do Capítulo. O alcalde, Alberto Varela, será quen dea a benvida ás 182 persoas que participan no encontro anual.

Só no caso de que as condicións meteorolóxicas o permitan, a comitiva desfilará polas rúas peonís do centro urbano acompañada do grupo Mocedade da Torre 83 para dar comezo, na Casa da Cultura ás 12 do mediodía, ao acto oficial do Capítulo.

A XVII edición deste evento abrirase co irmandamento entre a Confraría do Viño Rías Baixas e a Enogastronómica da Madeira. A continuación procederase ao nomeamento dos novos confrades e á entrega das distincións de honra e de mérito.

Festa da Ameixa de Carril

Aínda que queda pendente a celebración do Combate Naval, as Festas de San Roque rematan oficialmente o domingo 20 de agosto. Os actos trasládanse esa xornada o Carril con motivo da Festa da Ameixa que, tras tres anos sen poder celebrarse, regresa na que será a súa XXVIII edición.

Os actos comezan ás 11:30 horas na sede da Confraría Santiago Apóstolo coa recepción de autoridades, membros da Orde da Ameixa do Carril e doutras confrarías. A comitiva desprazarase ata a alameda onde, ás 12 do mediodía, o humorista Víctor Fábregas lerá o pregón. A continuación terá lugar o acto do XVI Capítulo da Orde da Ameixa co nomeamento de novos cabaleiros e donas.

A degustación do saboroso bivalvo carrilexo cociñado á mariñeira comezará ás 12 do mediodía e prolongarase de forma ininterrompida ata entrada a noitiña na carpa instalada detrás da lonxa. A festa contará coa animación musical dos grupos de gaitas dos Xirifeiros, Nós de Sobradelo e Airiños de Carril, e cos concertos dos grupos D´Cronners Band ás 16.30 horas e de Broken Peach ás 21.30.

Pola súa banda, as rúas de Vilagarcía acollerán a partir das 21.30 horas o desfile de carrozas da Batalla de Flores, que sairá desde a a estación de autobuses.