Vilagarcía leva a Pleno unha moción para urxir á Xunta a posta en marcha do albergue de Carril

Piden ao executivo autonómico que o inclúa na rede pública de albergues do Camiño de Santiago e o dote do mobiliario que permita a súa apertura coa maior brevidade

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela. DS/ARCHIVO
photo_camera O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela. DS/ARCHIVO

Dez meses despois de poñer a disposición da Xunta de Galicia o edificio do albergue de peregrinos do Carril, o Concello de Vilagarcía "continúa esperando a que o executivo autonómico cumpra o compromiso adquirido no seu día de incluílo na Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago de Galicia e de equipalo para a súa posta en marcha". Así explicaron dende o Goberno local de Vilagarcía a situación da infraestrutura polo que, "ante a falta de resposta aos numerosos requirimentos realizados polo goberno local, tanto de forma escrita como verbal a diferentes cargos da Xunta, o grupo municipal socialista presentou unha moción ante o Pleno para instar ao goberno autonómico a urxente posta en marcha do albergue"

Os socialistas vilagarciáns lembraron na súa moción que a construción da infraestrutura de Carril foi unha actuación executada integramente polo Concello de Vilagarcía, cun investimento de 600.000 euros, constituíndo un dos escasos exemplos de albergues públicos de peregrinos de Galicia que "non financiou a administración autonómica", se ben "malia este inconveniente, o Goberno local considerou necesario apostar polo equipamento como un valioso recurso para dinamizar a economía da zona e impulsar a actividade turística ligada aos Camiños de Santiago, tendo en conta o emprazamento estratéxico de Vilagarcía no nacemento da tradición Xacobea, ao formar parte da última etapa da Orixe de Todos os Camiños, a viaxe que realizaron os restos do Apóstolo ata o seu destino final en Compostela", relataron. 

Neste sentido, a Ruta Marítimo-Fluvial Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, fundada en Vilagarcía na décadas dos anos 50 do pasado século e itinerario oficial do Camiño de Santiago, ou a pertenza á Variante Espiritual do Padre Sarmiento, son "dúas mostras da necesidade da posta en marcha do albergue de peregrinos do Carril", cuxo deseño arquitectónico "coidouse ao máximo e que se erixe como un privilexiado miradoiro cara a ría de Arousa, a desembocadura do Ulla e a illa de Cortegada, outro recurso turístico de valor natural, etnográfico e histórico que forma parte do parque Nacional das Illas Atlánticas".