As Illas Atlánticas prevén un novo récord de afluencia este ano, con máis de 460.000 visitas no verán

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, salientou durante a mañá deste martes en Cortegada que esta illa foi a que rexistrou un maior incremento de visitantes na tempada estival, sumando ata os 8.100
A vicepresidenta segunda, Ángeles Vázquez, durante a visita á illa de Cortegada. ANXO LORENZO
photo_camera A vicepresidenta segunda, Ángeles Vázquez, durante a visita á illa de Cortegada. ANXO LORENZO

Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia camiña cara un novo ano de récord. O enclave sumou máis de 460.000 visitas durante a tempada alta do verán que, segundo o plan reitor de uso e xestión do espazo natural, abarca dende o 15 de maio ata o 15 de setembro. Así o avanzou durante a mañá deste martes a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita á illa de Cortegada, na que estivo acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e na que salientou unhas cifras que van á alza con respecto do ano anterior.

A vicepresidenta segunda, Ángeles Vázquez, durante a visita á illa de Cortegada. ANXO LORENZO
A vicepresidenta segunda, Ángeles Vázquez, durante a visita á illa de Cortegada. ANXO LORENZO

A revelación destes datos no marco da illa de Cortegada non é unha casualidade. A illa vilagarciá, segundo explicou a vicepresidenta, foi a que rexistrou un maior incremento de visitas entre os meses de maio e setembro, ata as 8.100 en total, o que supón unha suba do 19,1%. Estes datos indican "un interese crecente polos arquipélagos tradicionalmente menos coñecidos", como é o caso de Cortegada, onde, lembrou Vázquez, ao longo do ano, realízanse actividades educativas e de voluntariado ambiental. Precisamente, a pasada fin de semana Cortegada acolleu a unha decena de persoas que participaron na terceira edición do Programa de Voluntariado Ambiental Interxeneracional.

A vicepresidenta segunda, Ángeles Vázquez, durante a visita á illa de Cortegada. ANXO LORENZO
A vicepresidenta segunda, Ángeles Vázquez, durante a visita á illa de Cortegada. ANXO LORENZO

Neste sentido, a vicepresidenta quixo poñer en valor o esforzo e a implicación de todos os participantes neste programa, no marco do cal este verán se organizaron oito quendas de voluntariado nas que participaron 80 persoas que, baixo a supervisión do persoal do Parque Nacional, realizaron labores de erradicación de especies invasoras, limpeza de praias e lixo mariño, reposición de sinais nas sendas peonís habilitadas e traballos de acondicionamento en lavadoiros, valados e outros elementos etnográficos. A maiores, a vicepresidenta avanzou que o vindeiro mes de outubro a Xunta comezará unha actuación de retirada de eucaliptos en Cortegada, que se verá completada nunha segunda fase coa plantación de especies arbóreas na illa como reforzo ao proceso de rexeneración natural da zona.

Visita á illa de Cortegada. ANXO LORENZO
Visita á illa de Cortegada. ANXO LORENZO

Por outra banda, os meses do verán seguen concentrando a maior afluencia ás Illas Atlánticas, cun incremento global do 5,1% este ano, con respecto ao mesmo periodo do ano anterior, confirmando novamente Cíes e Ons como as illas máis visitadas do Parque Nacional, con 303.258 e 132.998 persoas, respectivamente, seguidas de Sálvora, con 16.059.

A maiores do balance estacional, Vázquez destacou tamén que, dende o mes de xaneiro, xa son máis de 480.000 as persoas que pasaron por algún dos catro arquipélagos que conforman o Parque Nacional, polo que, de manterse este ritmo ata final de ano, a previsión é volver bater un novo récord de afluencia este ano, como xa ocorrera en 2022, ao superarse as 490.000 visitas.