A Vía Verde e a Ruta Mariñeira estrean as súas insignias como sendeiros azuis

Varela salientou que Vilagarcía teña obtido o distintivo de Sendeiro Azul para estes dous itinerarios a primeira vez que presenta candidatura
Vía Verde do Salnés. DS
photo_camera Vía Verde do Salnés. DS

A Vía Verde do Salnés e a Ruta Mariñeira de Vilaxoán a Carril estrearon onte as bandeiras de Sendeiro Azul coas que a asociación independente ADEAC distingue a calidade e a sostibilidade dos itinerarios. O alcalde, Alberto Varela, e o edil de Turismo, Álvaro Carou, foron os encargados de izar durante a tarde os distintivos que sitúan a Vilagarcía na reducida lista dos 115 municipios de toda España que poden presumir de sendeiros azuis.

Varela salientou que Vilagarcía teña obtido o distintivo de Sendeiro Azul para estes dous itinerarios a primeira vez que presenta candidatura, o que, ao seu entender, "avala a liña que estamos seguindo dende o Goberno local nos últimos anos para poñer en valor  recursos turísticos e naturais que teñen un gran potencial e aos que non se lle estaban sacando rendemento", manifestou, lembrando, entre outras, a recente actuación de mellora de sinalización de accesibilidade no miradoiro de Xiabre.

O alcalde tamén quixo poñer en valor que este galardón, xunto coas bandeiras azuis, "contribúe á promoción e á imaxe de marca de Vilagarcía en todo o territorio español". Así, confía en que os areais da Compostela e do Campanario volvan ser recoñecidos tamén este ano.