Varela analiza as necesidades de Carril con representantes da nova asociación veciñal

Ravella congratúlase da formalización dun colectivo a través do cal canalizar as peticións da veciñanza e facilitar a xestión municipal

Reunión de Alberto Varela cos representantes da asociación veciñal de Carril. DS
photo_camera Reunión de Alberto Varela cos representantes da asociación veciñal de Carril. DS

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e o concelleiro de Servizos e Medio Rural, Lino Mouriño, recibiron este venres no Concello aos representantes da nova asociación veciñal de Carril, que acudiron a Ravella a presentarse oficialmente ao goberno local. No encontro estiveron presentes o presidente, Iago Carril, e os membros da directiva Sabela Mosteiro, Alicia Barral, José Eiras e Elpidio Costa. A reunión serviu para abordar conxuntamente os temas que preocupan á veciñanza da localidade e para dar conta das obras e das xestións realizadas polo Concello para mellorar as infraestruturas e os servizos da zona.

Varela agradeceu aos presentes a constitución da nova asociación xa que, segundo comentou, "ter un colectivo a través do que canalizar as peticións da veciñanza axilizará e facilitará a xestión do Concello".

Nesta primeira toma de contacto, a directiva da entidade expuxo a necesidade de mellorar aspectos como a fluidez do tráfico na avenida Rosalía de Castro, o aceso principal ao Carril, limitando o paso de vehículos pesados, a limpeza e recollida de algas das praias, e as zonas de estacionamento público. Sobre a primeira cuestión, Varela lembrou que xa no seu primeiro mandato se intentou restrinxir o paso deste tipo de vehículos pola estrada derivándoos polas circunvalacións, chegando a contar cun acordo plenario solicitando a medida á Xunta de Galicia, administración titular da vía. Aínda que a demanda da Corporación non foi tida en conta entón, o rexedor comprometeuse a volver a xestionar a proposta.

En canto aos problemas dos veciños para aparcar nas rúas do Carril, en especial nas humanizadas, o alcalde lembrou que na nova ordenanza de Mobilidade que se está a redactar inclúese a creación de estacionamentos para residentes.

Na xuntanza tamén se falou dos proxectos acometidos polo Concello, como a construción do albergue de peregrinos, unha infraestrutura que dinamizará a actividade turística no Carril, directa e indirectamente, e que está a espera de que a Xunta a dote dos equipamentos para poder comezar a funcionar.

O encontro do venres terá continuidade nos vindeiros meses xa que, como ten por costume o executivo local, incluirá á asociación do Carril na rolda de contactos que mantén periodicamente cos colectivos veciñais das distintas parroquias e barrios para facer seguimento das súas necesidades e para ir acometendo as actuacións correspondentes.