Vilagarcía volverá a traer a súa romaría popular co Folk no Alobre

O próximo domingo 27 de agosto celebrarase este evento que contará cunha axenda completa sen que falte a música
O Folk no Alobre leva existindo moitos anos. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O Folk no Alobre volverá a celebrarse no parque Enrique Valdés Bermejo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Volve o Folk no Alobre, a celebración máis popular, a da romaría popular, regresa o domingo 27 de agosto ao parque Enrique Valdés Bermejo de Vilagarcía de Arousa. A romaxe organiza polo Concello de Vilagarcía e dirixida polo colectivo Pés de Barro despedirá o mes de agosto cunha animada xornada na que haberá tempo para coñecer as orixes da cidade a través do xacemento castrexo, para aprender cantos e bailes galegos, para compartir un xantar ao aire libre baixo árbores centenarias e para gozar da boa música da terra. Un atractivo plan para o divertimento de público de todas as idades. Todas as actividades son de balde e sen necesidade de inscrición.

O día comezará co denominado Ritual das Penas do Alobre, unha visita que partirá ás 11.00 horas da mañá dos xardíns de Ravella e discorrerá por algunhas das rúas históricas da cidade ata concluír no Castro de Alobre. O músico Xurxo Souto e un guía acompañarán aos participantes para comentar algúns datos históricos e de interese durante o percorrido que amenizará o grupo tradicional Os Demos da Petaca.

Xa no parque Enrique Valdés Bermejo, ás 13.00 horas dará comezo o Concertasso na horta, unha sesión vermú ameniza da por Brais das Hortas e coa que se dará paso ao Xantar demorado. Os participantes deberán levar a súa propia comida para gozar dun almorzo campestre que tamén contará coa música ambiente de varios grupos tradicionais.

Ás 16.00 horas celebrarase o Obradoiro para cantar e bailar, unha actividade impartida por Luís Prego, na que os participantes poderán aprender algúns cánticos populares galegos e os pasos das danzas típicas da terra.

A partir das seis da tarde desenvolveranse os concertos nos que intervirán, por orde de aparición, Os Demos da Petaca, Acordereita, As Lagharteiras e As Faíscas da Pontagra. A festa prolongarase ata as once da noite, cando os romeiros regresen as súas casas e o Folk no Alobre se despida ata o ano que vén.