Tremenda Jauría, Nativa e The Rapants novas confirmacións do Revenidas

Ao cartel do festival súmanse tamén Xosé Lois Romero e Aliboria, Familia Caamagno, Mondra, Sheila Patricia, Zetak e HYDN ▶ O xoves 29 desvelarase o cartel por días e poranse á venda as entradas para días soltos
Os compoñentes de Tremenda Jauría. DS
photo_camera Os compoñentes de Tremenda Jauría. DS

O festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán do xoves 7 ao domingo 10 de setembro, segue engadindo nomes ao seu cartel. Aos xa coñecidos e anunciados, entre os que figuran nomes tan destacados da escena galega, estatal e internacional como Ska-P, Ana Tijoux, Zoo, Desakato (que ofrecerán no Revenidas o seu derradeiro concerto en Galicia), Heredeiros da Crus, Sara Hebe, Rodrigo Cuevas, Los Chikos del Maíz, Fillas de Cassandra, Lamatumbá, Tropa do Carallo ou Dakidarría (que gravarán en Vilaxoán o disco en directo de conmemoración do seu XX aniversario), súmanse agora outra destacada nómina de artistas.

Nomes que son garantía de festa e compromiso como o colectivo madrileño  de cumbia-punk, rap, reguetón combativo e música electrónica, Tremenda Jauría, o grupo formado por excompoñentes de La Raíz, Nativa, ou a banda de ska, reggae e rock La Regadera. Tamén se suman a gran revelación da música galega deste ano -con permiso de Fillas de Cassandra-, os imbatibles The Rapants. Un nome propio con maiúsculas no desenvolvemento e modernización da nosa música tradicional como é Xosé Lois Romero e Aliboria. E un nome febrilmente emerxente desa mesma escena, como é Mondra. Os cada vez máis arrebatadoramente festivos Familia Caamagno. A conexión entre Latinoamérica e Galicia que representa Sheila Patricia. O principal expoñente da música electrónica en euskera, Zetak. A gañadora do concurso de Sonidos Mans, unha promesa da música galega que xa é realidade, HYDN.

Propostas para público familiar como Uxía Lambona e a Banda Molona. E dúas Dj’s femininas que repiten tralo éxito acadado o ano pasado: Kris K Dj e La Yaya Dj.

A estas novas incorporacións o Revenidas sumará nos vindeiros días outras presenzas, ao tempo que anunciará as clásicas actividades paralelas como son a Gala de Circo, os concertos a bordo, os roteiros guiados e a sardiñada popular que terá lugar domingo 10 de setembro. 

O xoves 29 desvelarase o cartel por días e poranse á venda as entradas para días soltos. 

ENTRADAS
Os abonos para os catro días do Revenidas xa están a venda a través da web www.revenidas.com. O prezo actual é de 57 euros (+ gastos de xestión)