O festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán do xoves 7 ao domingo 10 de setembro, anunciou este xoves un segundo avance dos artistas que participarán no evento. Entre eles, nomes de referencia da nova escena latinoamericana como Ana Tijoux, figuras da música de raíz actualizada como o asturiano Rodrigo Cuevas, referentes do rock combativo español como Desakato, Los Chikos del Maiz ou Tropa do Carallo (o novo grupo de Evaristo Páramos), nomes da nova escena do rap estatal como K1ZA, tamén da escena emerxente galega, como O Rabelo ou Arrythmia e bandas que xa son parte da historia da nosa música, como Rebeliom do Inframundo, The Skarnivals, Dakidarría, Lamatumbá e Heredeiros da Crus.
No caso de Dakidarría, aproveitarán o festival de Vilaxoán para celebrar o seu 20 aniversario cun concerto especial con convidados. O de Lamatumbá supón a volta aos escenarios dun dos grupos galegos máis coreados, bailados e aclamados. E o de Heredeiros da Crus ten unha especialísima significación, porque será un dos primeiros concertos que realizarán tralo parón provocado pola enfermidade do seu vocalista Javi Maneiro.
ANA TIJOUX
Ana Tijoux é unha chilena que protesta a ritmo de hip-hop. "A súa carta de presentación podería ser perfectamente o que din dela medios como The Rolling Stones, que a elixiu como a mellor rapeira en español", salientan os organizadores. Filla de pais exiliados na ditadura de Pinochet, sobresae polo seu discurso feminista e comprometido políticamente.

DESAKATO
Revenidas será a derradeira oportunidade de escoitar en Galicia a Desakato. A banda asturiana anunciou a finais do 2022 a súa decisión de despedirse como grupo. Unha despedida que se fará efectiva o 11 de novembro cun concerto no Wizink Center madrileño.
RODRIGO CUEVAS
Rodrigo Cuevas chegará a Revenidas cun novo álbum e un novo espectáculo no que, ademais de nutrirse das cancións que conformarán o disco, entrarán a formar parte "o relato, o humor, a crítica, a ironía, a posta en escena, o vestiario, o xogo, etc.", configurando "un concerto máis animal, máis extrovertido, quente, bailable, ambicioso, alegre e, quizá, épico: maior".
LOS CHIKOS DEL MAIZ
Visita de nuevo Vilaxoán o grupo considerado como o principal referente do rap explicitamente político español. Los Chikos del Maiz preséntanse en Revenidas con novo álbum debaixo do brazo, Yes Future, un libro-disco no cal reflexionan ao redor da idea e do concepto de futuro desde a perspectiva da economía, o antifascismo, a educación, as políticas LGTBI, a cultura ou o cambio climático.
TROPA DO CARALLO
Así se chama a nova banda de Evaristo Páramos, quen fora o líder de formacións míticas como La Polla Records e Gatillazo, nesta ocasión acompañado por Abel Murua ao baixo, Tripi á batería e Alberto Salgado á guitarra. A banda presentará no Revenidas o seu álbum de presentación, Que hostias andais!, composto por 18 cancións.
ENTRADAS
Os abonos para os catro días do Revenidas xa están a venda a través da web www.revenidas.com. O prezo actual é de 57 euros máis gastos de xestión.