A sociedade Filarmónica organiza un encontro de estudiantes co violinista Alexis Cárdenas

Catrocentos alumnos e alumnas de secundaria de seis institutos da zona asisten ao concerto-entrevista que terá lugar este venres a partir das 12.00 horas no Auditorio Municipal
Alexis Cárdenas. DS
photo_camera Alexis Cárdenas. DS

A Sociedade Filarmónica de Vilagarcía retoma este venres o seu programa didáctico organizando un encontro entre o prestixioso violinista venezolano Alexis Cárdenas e catrocentos estudantes de Secundaria de seis institutos da zona. Cun formato de concerto-entrevista, a actividade terá lugar a partir das 12.00 horas, no Auditorio Municipal, e precederá ao concerto que o sábado protagonizará o mesmo Cárdenas xunto co pianista francés Thomas Enhco no marco da tempada musical da SFV.

O encontro musical dirixido ao alumnado dos centros de Secundaria de Vilagarcía e da súa contorna ten como obxectivo achegar a música clásica á mocidade dun xeito ameno e dinámico no que, ademais de escoitar interpretacións a cargo de músicos de recoñecido prestixio internacional, poidan interactuar con eles, conversar e facerlles preguntas. Os institutos que participan nesta interesante actividade pedagóxica son o IES O Carril e o Cotarelo Valledor de Vilagarcía, o Aquis Celenis de Caldas, Xunqueira 1 de Pontevedra, Rosais 2 de Vigo e Ramón Cabanillas de Cambados.

Un espectáculo propio el sábado

Xa cun formato de concerto propiamente dito, o sábado ás 20.30 horas, o dúo de violín e piano composto por Cárdenas e Enhco protagonizarán Carta branca a dous amigos, unha proposta musical cun programa sorpresa no que os intérpretes realizarán un percorrido musical único que irá dende Bach ata o jazz, pasando polos ritmos latinos.

As entradas poranse á venta o sábado no Auditorio a partir das 19.30 horas ao prezo de 18 euros para o público en xeral e de balde para os asociados á SFV. Alexis Cárdenas é un dos violinistas máis importantes de América latina, e o francés Thomas Enhco é un prestixioso pianista clásico, de jazz e compositor. Os dous músicos son grandes solistas formados na excelencia clásica, que traspasan as súas fronteiras para dirixirse ao jazz, á música popular, á música contemporánea, á de cine.... As súas orixinais reelaboracións destes xéneros dan como resultado unhas improvisacións autenticamente memorables.