O skatepark do Cavadelo volve a saír a contratación logo dun axuste no orzamento

A actuación licítase por importe de 374.766 euros ▶ As empresas poden presentar as súas propostas ata o 20 de decembro. O prazo de execución da obra é de cinco meses

Parque do Cavadelo. CONCELLO DE VILAGARCÍA
photo_camera Parque do Cavadelo. CONCELLO DE VILAGARCÍA

O Concello de Vilagarcía volve a sacar a licitación a construción do novo skatepark do Cavadelo tras axustar o orzamento ao incremento xeneralizado dos prezos sufridos polos materiais. Tras aumentarlle 65.340 euros, o proxecto licítase por importe de 374.766 euros (impostos incluídos) e un prazo de execución de cinco meses. As empresas interesadas poderán presentar as súas propostas a través da plataforma pública de contratación ata o vindeiro 20 de decembro. A obra finánciase con fondos propios do Concello máis a subvención concedida pola Deputación con cargo ao Plan Concellos 2022.

Con esta actuación o goberno local atende unha petición dos usuarios do parque do Cavadelo e tamén a necesidade de remodelación dun parque que se atopaba bastante degradado e obsoleto polo paso do tempo. O proxecto, redactado polos arquitectos Javier Segura e Andrea Gesteiro, ámbolos dous con experiencia no deseño deste tipo de infraestruturas dedicadas aos deportes urbanos, persegue dous obxectivos fundamentais: adaptar este céntrico espazo público á estética e requirimentos do século XXI e convertelo nunha gran área de encontro e convivencia entre os deportes urbanos e a cidadanía. Para o deseño consultouse previamente cos usuarios do propio parque, a efectos de coñecer as súas necesidades e opinións e recollelas no proxecto.

Disciplinas como o skate, o parkour, o break dance e o BMX poderán practicarse nunhas instalacións perfectamente equipadas e seguras nun parque no que se manterán as canchas de baloncesto e gañarán peso as zonas verdes e os espazos de recreo para que a cidadanía poida gozar delas á vez que achegarse a coñecer estes deportes.

Cada modalidade deportiva contará cunha área propia para a súa práctica, dotada de equipamentos e infraestruturas específicas, que terán en común que se abrirán cara o centro do parque para favorecer a comunicación e interacción social entre practicantes das distintas modalidades e tamén entre o público e os transeúntes. Os arquitectos tamén tiveron en conta os materiais a utilizar en cada unha destas áreas deportivas, optando polos máis axeitados para a súa práctica.

A Zona Skate Park contará con equipamentos como o Quarter piper curvo e en esquina, manualera con varanda, wallride con slappy, caixón, conxuntos de meseta e kickers, plano inclinado a dúas alturas e varanda. A Zona Parkour terá muros verticais e inclinados, bancos variables, columnas, varandas en altura e ramplas. Ademais, mantéñense as canchas de basket e habilítase unha Zona Break Dance.

Para evitar o que acontecía ata o de agora, que a cidadanía esquivaba o Cadavelo para acceder ás zonas de paseo do Centenario ou ao peirao de pasaxeiros, realizáronse estudos de circulación para favorecer que os peóns entren no novo parque, tanto para estar nel, como para acceder a eses outros espazos de esparexemento. Debido aos corredores de tránsito que se abrirán polo parque para acadar este obxectivo, as canchas de baloncesto desprazaranse un pouco respecto ao emprazamento actual.