Vilagarcía celebra o Día da Danza co espectáculo 'Ceibe'

A representación terá lugar o venres, 26 de abril, a partir das 20 horas no Auditorio ▶ A peza xira en torno ao estereotipo machista no baile tradicional
Representación de 'Ceibe'. Aigi Boga
photo_camera Representación de 'Ceibe'. Aigi Boga

Vilagarcía adiántase este ano á celebración do Día Internacional da Danza, que se conmemora o 29 de abril, e faino a través dun espectáculo de danza contemporánea con base no baile e na música tradicional. Trátase de Ceibe, a última produción da recoñecida compañía do galego Fran Sieira, que se representa o venres, 26 de abril, a partir das 20.00 horas no Auditorio, e que xira en torno ao estereotipo machista no baile tradicional.

Trátase dun espectáculo de danza que afonda na relación entre os roles de xénero e a nosa tradición. Conta cun elenco de 8 bailaríns e bailarinas e está codirixida por Fran Sieira e Sergio R. Suárez.

Sinopse

Ceibe traballa sobre o xénero e as súas formas de operar en diferentes ámbitos da cotidianidade, incluíndo unha manifestación cultural tan importante como o baile tradicional. Trata de facer entender que é o xénero para nós como individuos, como colectivo e tamén como sociedade. A través das coreografías e da música, o espectáculo promove unha reflexión sobre as categorías de xénero e os estereotipos impostos socialmente para, dende aí, formular e construír novas formas de entender o corpo e o movemento. Cuestiona, por tanto, as identidades de xénero normativas e hexemónicas para facer comprender e compartir que o xénero opera sobre todos os corpos.

E para iso conta coa dirección de Fran Sieira e o bailarín Sergio R. Suárez, experto en cuestións LGTBIQ+ e danza; ademais de co asesoramento artístico do Colectivo VACAburra, formado por Andrea Quintana e Gena Baamonde.

Entradas á venta

Os billetes para as funcións teñen un prezo de 5 euros, ofertando o Concello bonificacións especiais para xóvenes, persoas maiores e desempregados. As persoas pertencentes a estes colectivos deberán acreditar a súa condición presentando o Carné Xove, a tarxeta de desempregado ou o DNI, segundo corresponda, para poder optar á entrada a 3 euros. As localidades pódense adquirir anticipadamente en Ataquilla (máis gastos de xestión) ou, de non esgotarse antes, o día da función, a partir das 18.00 horas, na billeteira do Auditorio.