O Concello completa os sistemas de calefacción de tres centros socioculturais

As actuacións levaranse a cabo en Rubiáns, Trabanca Badiña e Bamio ▶ Invístense 21.000 euros en instalar o servizo nas dependencias que aínda carecían del

Concello de Vilagarcía. DS
photo_camera Concello de Vilagarcía. DS

O Concello de Vilagarcía segue implementando os servizos dos centros socio veciñais e das instalacións culturais das parroquias con novos investimentos. As últimas actuacións aprobadas neste sentido correspóndense aos traballos para poñer fin ás filtracións que sofren as instalacións da Axencia de Lectura de Bamio e para completar os sistemas de calefacción das casas de cultura desta mesma parroquia, na de Rubiáns e na de Trabanca Badiña. O custe total destas tres medidas ronda os 30.000 euros. A maiores, tamén se está executando agora a reparación dos calefactores do centro cultural de Faxilde, traballos contratados xa hai un tempo.

Dous dos acordos adoptados na Xunta de Goberno Local da semana pasada foron a contratación á firma Ecovila da instalación de termo ventiladores nas dependencias dos centro socio culturais de Rubiáns e Trabanca Badiña que aínda carecían deles. Dado que as infraestruturas dispoñían xa das caldeiras, os traballos desenvolveranse con rapidez. Unha actuación similar aprobouse hai unhas semanas para a casa de cultura de Bamio. O investimento destas tres medidas ronda os 21.500 euros.

Tamén a semana pasada adxudicáronse á empresa Trébol as obras de reparación das filtracións de auga detectadas nas dependencias da Axencia de Lectura de Bamio. Os traballos teñen un custe de 8.338 euro s e inclúen o lavado e reparación da tea da cuberta e de pintado.