A Área Sanitaria cubre once prazas de especialistas no Hopital do Salnés

Ademáis, cúbrense nove postos en saúde mental da OPE de difícil cobertura
José Flores durante a sinatura da toma de posesión dos facultativos. DS
photo_camera José Flores estivo presente na sinatura da toma de posesión dos facultativos. DS

As dependencias da Dirección de Recursos Humanos no Hospital Provincial acolleron na mañá deste mércores a sinatura da toma de posesión de boa parte dos facultativos que acadaron praza fixa por concurso de méritos -sen fase previa de oposición-, para postos de difícil cobertura no Hospital do Salnés e no ámbito da Saúde Mental de toda a Área Sanitaria de Pontevedra-Salnés. 

O martes 23 de abril, publicouse o seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia, e o resto de aspirantes ten de prazo ata o 23 de maio para incorporarse ao posto.

O xerente da Área Sanitaria, o doutor José Flores, achegouse para darlles os parabéns e interesarse polas súas inquedanzas e expectativas profesionais xa como persoal sanitario fixo do Sergas. Tamén estivo presente a directora do distrito sanitario do Salnés, a doutora María Encarnación Lucas, posto que esta zona da área de saúde é que sae máis reforzada tras rematar este proceso selectivo.

Distribución das prazas por especialidades

Por unha banda, en canto ás prazas de especialistas para postos de difícil cobertura nos hospitais comarcais, o centro sanitario de Ande-Rubiáns cubriu un total de once prazas ofertadas, distribuídas do seguinte xeito: 4 para Medicina Interna, 4 para Radiodiagnóstico, e 3 da especialidade de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía.

Por outro lado, para reforzar o ámbito da Saúde Mental, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés tamén cubriu toda a oferta realizada que ascendeu a 5 prazas de psiquiatras e 4 de psicólogos clínicos.

Con este trámite de nomeamento, toma de posesión e incorporación efectiva á praza, ponse fin a un proceso selectivo que se resolveu en menos dun ano, en execución da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura, unha norma pioneira no Sistema Nacional de Saúde.