O PP conmemora o Día da Muller cunha mesa redonda das candidatas do Salnés

A secretaria xeral dos populares, Paula Prado, sinalou que a partir das próximas eleccións construirán "unha Galicia aínda mellor"
Acto do PPdeG con motivo do Día Internacional da Muller en Vilagarcía. DS
photo_camera Representantes populares no acto celebrado no Castriño.. DS

O Pazo O Castriño, sito na localidade de Vilagarcía de Arousa, acolleu este venres un acto en conmemoración do Día Internacional da Muller, organizado polo Partido Popular de Galicia, no que estiveron presentes diversos cargos como a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, a vicesecretaria de Igualdade da corporación, Raquel Touriño, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e a secretaria provincial, Luisa Piñeiro.

Baixo o lema Galicia Entre Todas, Prado subliñou na súa intervención que “a partir das próximas eleccións municipais, entre todas as nosas alcaldesas e concelleiras, traballando pola igualdade real, con medidas fronte aos slogans e con leis útiles fronte a leis erradas, construiremos unha Galicia aínda mellor”. Ademais, quixo reivindicar o papel do partido na defensa á liberdade das mulleres “para decidir a vida que queremos vivir, sen que ninguén se erixa nin no seu portavoz nin no seu intérprete” e salientou que o “ camiño do feminismo non está ligado a ningún partido político e desde o PPdeG só axudamos a trazalo do mellor xeito posible”.

A secretaria xeral mostrou tamén o seu rexeitamento aos “insultos a todos os que discrepamos de decisións que, tal e como mostran os datos, se encamiñan cara á silenciosa eliminación dos dereitos” e reflexionou sobre a Lei do Só si é si, a Lei Trans ou a Lei de Paridade.

O encontro contou ademáis cunha mesa redonda coas candidatas do Salnés moderada pola deputada autonómica, Elena Suárez. Nesta participaron á candidata á alcaldía de Vilagarcía, Ana Granja, a candidata á alcaldía de Cambados, Sabela Fole, a candidata á alcaldía de Meis, Marta Lucio, e a deputada nacional, Ana Belén Vázquez. Todas elas aproveitaron esta oportunidade para compartir as súas experiencias persoais no percorrido da súa vida política e profesional.