Podemos insta a Ravella a solicitar a subvención para o control das colonias felinas

A formación presentou fai uns meses unha iniciativa neste senso que foi rexeitada polo PSOE
Gatos dunha colonia situada na Lanzada. DP
photo_camera Gatos dunha colonia. DP

Podemos-Marea da Vila presentará unha solicitude para instar ao Concello de Vilagarcía a solicitar a subvención habilitada polo Ministerio de Dereitos Sociais para a mellora na xestión das colonias felinas. Os programas de dita subvención van dende a axuda ao tratamento veterinario de esterilización á mellora das condicións de vida nas colonias felinas. O prazo para a súa solicitude é de dous meses a partir do día seguinte á súa publicación no BOE.

“Vilagarcía debe beneficiarse do apoio do Goberno do Estado para o coidado das colonias felinas”, afirma María de la O Fernández González quen recorda que fai uns meses “presentamos unha moción neste senso que foi rexeitada polo Goberno Local”.

Podemos considera que o método CER é fundamental para garantir o control da poboación felina e mellorar a convivencia coa veciñanza, pero “somos conscientes do esforzo económico e humano que esixe”, polo cal a formación valora moi positivamente o impulso económico do Goberno do Estado e anima ás entidades locais a “pedirlle un esforzo á Xunta de Galicia que complete as habilitadas polo Ministerio de Dereitos Sociais”.

María de la O Fernández cre que “no caso de Vilagarcía os programas prioritarios son os que teñen que ver coa esterilización e a saúde dos felinos e os referentes á mellora nas condicións das colonias” e afirma que “habilitar un programa de esterilización apoiado nesta liña de axudas permitiría aliviar, en certo modo, o traballo que se vén desenvolvendo dende a protectora”.