O Concello buscará a orixe e eliminará as filtración de gasóleo ao subsolo

Os traballos teñen un custe de 25.500 euros, aos que haberá que sumar o importe da aspiración e tratamento dos residuos que se detecten

Obras en la Avenida Doutor Touron. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Obras na Avenida Doutor Touron. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía vén de contratar á empresa Hera Holding Hábitat Ecología y Restauración Ambiental a execución dos traballos necesarios para pescudar a orixe e eliminar os restos de gasóleo que dende hai uns meses se veñen filtrando ao subsolo e a sotos de edificios dunha zona comprendida entre Doutor Tourón e Rodrigo de Mendoza. O custe das catas, mostraxes e realización das correspondentes analíticas previstas no proxecto redactado anteriormente pola mesma empresa ascende a 24.586 euros (IVE incluído), aos cales habería que sumar o importe da aspiración e tratamento dos residuos que se vaian detectando e que acometerá a empresa autorizada Codisoil. O acordo da Xunta de Goberno especifica que o custe total da actuación repercutirase no responsable do verquido, unha vez sexa determinada a autoría con esta investigación.

Segundo o proxecto realizado previamente por Hera Holding, os traballos a realizar consistirán na realización de catas en 8 puntos de mostraxe a realizar mediante sondaxes mecánicos e mediante a instalación de "piezómetros" a unha profundidade de 8 metros. Tomaranse mostras tanto do substrato sólido a diferentes niveis, como das augas. A previsión inicial e to mar 16 mostras de solo e 11 de augas, que se levarán a analizar a un laboratorio homologado para estudar parámetros como a presenza de aceites minerais, a granulometría e o carbono orgánico total presente, así como a separación de carbonos asfálticos e aromáticos, entre outros.

A realización destes traballos será laboriosa xa que as catas deberán realizarse nunha zona urbana pola que discorre todo unha maraña de canalizacións de servizos (auga, saneamento, electricidade, telecomunicacións, gas…) que deberán evitarse á hora de perforar o solo para realizar as catas.

Unha vez finalizados os traballos de campo, os técnicos da empresa especializada (licenciados en Xeoloxía e Químicas con anos de experiencia) avaliarán os resultados das analíticas e emitirán un informe no que se recollerán as conclusións do estudo e se indicarán os focos de contaminación detectados.

O problema da filtración de gasóleo detectouse nun pozo freático situado no soto dun edificio de Rodrigo de Mendoza esta primavera. Tras meses de infrutuosas xestións e actuacións -nas que tamén interveu a administración local- para tratar de pescudar a procedencia da vertedura, a comunidade de propietarios afectada solicitou a axuda ao Concello que se comprometeu a colaborar asesorando sobre as posibles medidas a seguir para dar coa orixe do problema. O asunto tamén se abordou no Pleno, reafirmando o compromiso de colaboración que se está a executar coas medidas indicadas.