Podemos achaca a Varela que o mal estado da Lomba estalle a custar puntos ao Arosa

Consideran que o estado do céspede está beneficiando aos rivais e constitúe un perigo para a integridade física das persoas que xogan nel, ademais de danar a imaxe de Vilagarcía

 

(_LO_3493.JPG)  Salnes Campo Futbol A Lomba en mal estado11417
photo_camera O mal estado do céspede pode provocar lesións graves. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Podemos-Marea da Vila vén de pronunciarse, unha vez máis, sobre o estado do céspede da Lomba e afirma que esta situación está influíndo nos resultados do Arosa. Ademais, a formación lamenta que isto estea a provocar lesións e poña en risco a integridade física das persoas dos distintos clubes que empregan o campo. Sinalan que a actuación do equipo de Alberto Varela é un despropósito e que deberían dar explicacións das últimas actuacións que só reflicten improvisación e danan a imaxe de Vilagarcía.

“A improvisación de Alberto Varela estalle a custar puntos ao Arosa”, afirma María de la O Fernández González, quen considera que o estado do céspede da Lomba está a beneficiar aos rivais facendo que “o Arosa perda o efecto positivo de xogar en casa”. Ademais, a concelleira de Podemos lamenta o dano que esta situación provoca na imaxe de Vilagarcía. “O Arosa é un embaixador de Vilagarcía, mágoa que as imaxes dunha afección que enche as gradas a cada partido vaian acompañadas das do lamentable estado do céspede”.

En relación ás lesións, Podemos considera que “é grave que esta situación estea a poñer en risco a integridade das persoas que participan nas distintas entidades deportivas que empregan o campo” e urxe a Alberto Varela a “dar explicacións”. María de la O Fernández fai fincapé na improvisación do equipo de goberno, “cando os medios volven poñer o foco nos problemas do céspede, o Goberno Local anuncia a renovación da iluminación nun prazo de dous meses, pero vese que o único que lles interesaba era agochar as críticas” indica salientando que xa pasaron eses dous meses e “nin sequera comezaron a substituír as luminarias”.

Ademais, Podemos fai referencia aos tepes de céspede adquiridos durante o último mes para substituír as zonas máis danadas, pero dos que unha parte quedaron sen empregar e pide que se explique o proceso e se concrete cando se calcula que o seu conxunto estea colocado para que o campo poida volver empregarse con normalidade. Tamén insisten en que se clarifique o futuro do mantemento do mesmo e denuncian que “seguimos sen resposta sobre os pregos e a licitación do contrato do mesmo a pesar de que pedimos esta información repetidas veces.”