Marea da Vila denuncia o estado de abandono das rúas Extramuros e do Colexio en Carril

Sinalan que o elevado tránsito produce fochancas que dificultan a conducción en zonas próximas a recintos escolares
Fochanca no acceso ao Colexio de Carril. DS
photo_camera Fochanca no acceso ao Colexio de Carril. DS

Podemos-Marea da Vila vén de facerse eco da queixa da veciñanza de Carril por mor do estado das rúas Extramuros en Carril, vías de acceso ao C.E.I.P Plurilingüe Rosalía de Castro e á Escola Infantil. Un grupo de veciñas e veciños desta rúa denuncia a necesidade de revisión do firme, que presenta numerosos parches e fochancas que dificultan a circulación nunha zona de elevado tránsito.

O grupo municipal denuncia o estado de rúas como Extramuros e do Colexio en Carril e sinala a necesidade de garantir a calidade e seguridade dos accesos en zonas próximas a recintos escolares tamén nas parroquias. “A rede de camiños escolares seguros debería comezar por garantir vías accesibles e coidadas arredor de todos os centros de ensino de Vilagarcía de Arousa” explica María de la O Fernández, quen se fai eco da queixa da veciñanza polo deteriorado estado do firme nunha rúa de levado tránsito. 

“Nesta rúa se leva anos intervindo a base de parches, algo que unido ao elevado tránsito fai que nestes momentos se produzan fochancas que dificultan a condución”, indica de la O Fernández, que tamén advirte do estado da rúa do Colexio e as dificultades que existen para o acceso peonil do alumnado. “Estamos falando de estradas en mal estado e beirarrúas estreitas nas que conviven autobuses, vehículos e un gran número de nenos e nenas que require unha revisión tanto do estado e condicións das vías e beirarrúas, como dos elementos que garanten a circulación”.

Neste senso, a portavoz de Marea da Vila tamén transmite a queixa por mor da vexetación dunha finca privada que está a invadir unha das beirarrúas de acceso ao colexio “dificultando camiñar pola mesma, sobre todo nos días de chuvia na que se volve esvaradía o que pode provocar caídas”. Podemos transmitirá esta información ao Concello para que revise esta situación e se comunique cos propietarios co fin de solucionala. Ademais, tamén preguntará por outra zona valada na mesma rúa, ao carón dun muro, que tamén dificulta o paso dunha beirarrúa.

Vexetación que impide o paso nunha beirarrúa de Carril. DS
Vexetación que impide o paso nunha beirarrúa de Carril. DS

Podemos advirte, ademais, que esta é unha zona na que concorren os accesos a dous centros de ensino onde reside un gran número de poboación, polo que é necesario intervir de maneira integral e así o solicitará ao Concello. “Este verán o Concello pintou a sinalización destas rúas, incluíndo os vados e outras cuestións, pero cremos que isto é ineficiente cando falamos de vías con bastante deterioro. Incluiremos esta cuestión nas nosas propostas para o 2023 que se centrarán fundamentalmente nas parroquias porque cremos que é importante corrixir o abandono destes anos”, sentenciou.