A nova área de Esterilización do Hospital do Salnés duplica a súa superficie

A inversión total da Xunta de Galicia nesta nova infraestruturaacada os 1.2 millóns de euros
Hospital de O Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Hospital de O Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés activou este luns a súa nova área de Esterilización do Hospital comarcal do Salnés, infraestrutura que duplica a superficie anterior adicada a estes procesos asistenciais e á adaptación da capacidade do bloque cirúrxico do hospital.

Este proxecto, no que a Xunta de Galicia investiu 1.2 millóns de euros, cos importes de adxudicación, tanto de obra construtiva coma de equipamento, ten o seu emprazamanto nun andar inferior e na vertical do bloque cirúrxico do Hospital arousán, con comunicación directa mediante senllos ascensores.

No proceso de execución desta área loxística, a Administración Sanitaria Pública galega tamén renovou completamente o equipamento do anterior servizo de Esterilización do centro sanitario de Ande-Rubiáns para incorporar novas estacións de lavados, de sellados e empaquetados, termodesinfectadoras, esterilizadores de última xeneración ou sistemas de monitorización e de trazabilidade.

O novo equipamento da área de Esterilización do Hospital comarcal do Salnés adáptase ás esixencias de ergonomía, calidade do proceso e rastrexabilidade, seguridade e fiabilidade, así coma ao aumento da demanda de material esterilizado no hospital arousán.

Así mesmo, esta nova área de Esterilización no centro sanitario de Ande-Rubiáns conta cun alto grao de informatización e capacidade para integrarse no sistema en rede de xestión integral dos procesos desenvolvidos polo Servizo de Esterilización dispoñibles no resto de hospitais da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés.

Ademais, dispón dunha capacidade adicional para procesar o resto do material xerado nas áreas intervencionistas, consultas e gabinetes, Urxencias e similares. Para o dimensionamiento desta nova Unidade, o Servizo Galego de Saúde realizou un pormenorizado estudo, partindo dos datos de actividade do Hospital do Salnés e a súa previsión de crecemento asistencial tanto no medio coma no longo prazo.