O musical 'Os tres porquiños' fará as delicias dos máis pequenos de Vilagarcía

Trátase dun espectáculo con bonecos a tamaño real dirixido a nenos e nenas a partir de dous anos de idade ▶ O público poderá fotografarse coas personaxes do espectáculo unha vez rematada a función

Representación de 'Os tres porquiños'. DS
photo_camera Representación de 'Os tres porquiños'. DS

Entre a oferta lúdica que o Concello de Vilagarcía ten programada para as vacacións de Nadal para o público infantil, o Auditorio Municipal acolle o día 2 de xaneiro a representación do divertido musical Os tres porquiños. O espectáculo da compañía Educa Teatro Producións representarase ás 17.00 horas nunha única función. As entradas xa se poden adquirir a través da plataforma Ataquilla ao prezo único de 10 euros (máis gastos de xestión). De non esgotarse antes, tamén se poderán comprar na billeteira do Auditorio o mesmo día da función dende as 16.00 horas.

Os tres porquiños é unha obra musical con bonecos a tamaño real, dirixida especialmente a nenos e nenas de máis de dous anos. Nesta proposta, de 50 minutos de duración, Educa Teatro revisa a fábula tradicional para adaptala aos novos tempos, incluíndo a figura de Xan e Xiana, dous exploradores moi afeccionados aos contos, que penetran no bosque para coñecer aos seus personaxes favoritos.

Na súa viaxe, ademais de descubrir a historia, os tres porquiños bailarán ao ritmo das cinco cancións -cantadas en directo- que compoñen o espectáculo, e que teñen unha clara misión didáctica para que os máis pequenos aprendan ou reforcen coñecementos como os números, as cores ou as prendas de vestir.

A técnica dramática empregada polos tres porquiños e o Lobo feroz é a dos corpóreos, personaxes a tamaño real que humanizan a figura dos animais, facilitando a interacción co público e a perfecta visión dende calquera punto do teatro. Ademais, ao remate da actuación, os cativos poderán retratarse cos porquiños Pequeno, Mediano e Maior, e incluso, os máis atrevidos, co Lobo.