O luns comeza a substitución do ascensor da Escardia por un modelo máis seguro

O Concello inviste 48.400 euros na obra que responde a unha necesidade e a unha demanda veciñal
Un dos ascensores do paso baixo o tendido ferroviario da estación de tren de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Un dos ascensores do paso baixo o tendido ferroviario da estación de tren de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A firma Schindler inicia a semana que vén os traballos contratados polo Concello para renovar o ascensor do paso soterrado da Escardia e por fin ás continuas avarías que o antigo elevador estaba dando. A administración local inviste 48.400 euros na actuación que consiste na substitución da maquinaria actual por un modelo máis seguro, accesible e eficiente, cun maior rendemento, e que mellorará a prestación aos usuarios.

O uso intensivo do ascensor actual e á exposición á intemperie, xunto cos anos que levaba instalado e os actos vandálicos, son as causas das frecuentes avarías e do mal funcionamento que estaba tendo a instalación. En atención ás demandas da veciñanza das zonas ás que dá servizo e tamén para garantir a completa accesibilidade, o goberno local optou por levar a cabo a mellora que se financia cos remanentes do orzamento municipal de 2022.

O actual elevador e a súa maquinaria substituiranse por equipos de última tecnoloxía que, ademais de ter mellor rendemento e de aportar maior comodidade e seguridade aos usuarios, tamén son máis resistentes e consumen menos enerxía. Con isto dáse cumprimento aos criterios de sustentabilidade e de eficiencia enerxética.

Entre as melloras que inclúe o novo equipamento está un sistema de seguridade que, en caso de parada ou de corte do subministro eléctrico, mantén sempre unha reserva de enerxía suficiente para dirixir o elevador ata o nivel máis próximo e abrir as portas, de xeito que a xente non quede atrapada no seu interior ata que se arranxe a avaría ou volva a electricidade.

A principal causa das avarías que estaba a sufrir o ascensor era a entrada de auga. Para resolver esta situación o contrato inclúe os traballos de illamento, impermeabilización e saneamento das paredes interiores e do foso, e tamén a colocación dunha viseira na saída ao exterior, na parte superior do elevador, para protexer a instalación da auga da chuvia.

O único acceso será pola rampla peonil mentres duren as obras

Ravella é consciente de que o elevador do paso baixo a vía do tren é utilizado a diario por moitas persoas, tanto por comodidade, como por aquelas que por ir cargadas, con carros de bebé ou presentar problemas de mobilidade, teñen dificultade para utilizar a rampla peonil. Por iso solicitouse á adxudicataria que axilizase ao máximo os traballos a efectos de que o servizo poida volver estar operativo canto antes. En resposta a esta petición, a firma comprometeuse a reducir á metade o prazo de execución –inicialmente de 4 meses-, contando cor poder rematar a obra no máximo de 2.

Mentres duren os traballos, a comunicación a pé polo paso soterrado que une a zona de A Torre coa Escardia deberá facerse a través das ramplas.