O legado teatral de Domingo Villar chega a Vilagarcía da man de Carlos Blanco

A obra Sibarís representarase o sábado, 18 de novembro, no Auditorio coa dirección de Lois Blanco
El humorista Carlos Blanco. ADP
photo_camera El humorista Carlos Blanco. ADP

Carlos Blanco regresa a vindeira fin de semana a Vilagarcía para poñer en escena Síbaris, a única peza de teatro firmada por Domingo Villar e que acabou de escribir pouco tempo antes de falecer. O actor e humorista vilagarcián promove a montaxe a través da súa produtora, Con de Tres Pés, e protagoniza o espectáculo que se poderá presenciar no Auditorio Municipal o sábado, 18 de novembro, ás 21.00 horas. As entradas están á venta en Ataquilla ao prezo de 15, 12 e 10 euros (máis gastos de xestión). De non esgotarse antes, tamén se poderán adquirir na billeteira do Auditorio o mesmo día da función a partir das 19.00 horas.

A obra dirixida por Lois Blanco estreouse a finais de setembro en Vigo, sendo un esperado acontecemento tanto na cidade natal de Domingo Villar como en toda Galicia. Ademais de Carlos Blanco, compoñen o elenco do espectáculo Belén Constenla, Oswaldo Digón e Pablo Novoa.

A única creación como dramaturgo do pai do personaxe Leo Caldas foi o resultado do longo proceso que precisou para dar forma a unha idea á que lle daba voltas dende moito tempo atrás e que, en ton de comedia e con pinceladas surrealistas, conta a historia dun escritor en plena crise creativa.

Sinopse

Vinte anos despois de que a publicación de Síbaris e convertese na estrela máis rutilante do firmamento literario, o escritor Víctor Morel non atravesa un bo momento: incapaz de escribir nada á altura das expectativas, leva demasiado tempo bloqueado e cunha situación económica cada día máis delicada.

Laura, a súa muller, anímao a aceptar unha invitación da Universidade da Sorbona, disposta, como tantas outras institucións, a pagar xenerosamente por unha lección maxistral do célebre autor. Pero a primeira aparición pública de Víctor Morel en anos remata nun ataque de pánico e unha espantada antes de tempo. A vida dos Morel semella afundir no desconsolo, cando Laura atopa unha saída.