O Goberno local de Vilagarcía aproba a restauración do lavadoiro de Vilaxoán

Os traballos teñen un orzamento de 4.500 euros e un prazo de tres semanas
Lavadero de Vilaxoán. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Lavadoiro de Vilaxoán. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía continúa co plan de conservación e posta en valor do patrimonio, neste caso cunha nova actuación para preservar elementos da arquitectura tradicional popular. Tras rematar a limpeza da Fonte de Castroagudín, o Goberno local vén de adxudicar o proxecto de restauración do lavadoiro público de Vilaxoán.

Cun orzamento de 4.500 euros, será a restauradora Iria López a encargada de executar a intervención, coa que a Administración Local atende unha petición trasladada pola veciñanza.

Os traballos, que contan co visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio, teñen como obxectivo resolver as deficiencias que presenta. Centraranse en garantir a estanquidade do vaso, xa que o principal problema que rexistra é a perda de auga. Esta situación afea a imaxe do lavadoiro ao presentar unha pía baleira, a zona de estancia das persoas totalmente encharcada.

A intervención comezará cunha limpeza xeral, retirando as plantas, entullos e lodos acumulados. A continuación arranxarase a esclusa e a canle de evacuación, e por último illaranse e selaranse as distintas zonas. A obra ten un prazo de tres semanas.

Non é a primeira mellora realizada neste lavadoiro. Hai cinco anos levouse a cabo a retirada das pranchas de fibrocemento da cuberta nas e reconstruíuse usando tella curva de cerámica, o material que tradicionalmente se utilizaba nestas construcións.